Feijóo pide "ir votar masivamente" o 12 de xullo: "As maiorías absolutas son moi caras"

O presidente da Xunta chama a non caer "na trampa" das enquisas e avisa: "A abstención é voto directo ao multipartito".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, pediu este domingo aos seus non caer "na trampa" dunhas enquisas que coinciden en que revalidará a súa maioría absoluta e apelou a traballar, pedir o voto e mobilizar porque "a abstención é voto directo ao multipartito".

Nun mitin en Lalín, que arrincou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e no que estaba presente o alcalde da localidade, José Crespo, o dos Peares proclamou que as maiorías absolutas "son moi caras" e lembrou que Manuel Fraga perdeu o Goberno en 2005, tras unha campaña que dirixiu precisamente --rememorou-- Crespo, por quedar en 37 escanos e non lograr 38.

"Hai unhas enquisas por aí que din que o PP vai arrasar. Non me gustan esas enquisas porque ata agora ningunha enquisa nos puxo fácil unha vitoria. No que si somos especialistas é en ter mellor resultado do que nos auguran as enquisas", sentenciou, antes de advertir: "Coñezo a xefes da oposición con enquisas de maioría absoluta".

Pola súa banda, manifestou que non lle gustaría "caer na trampa dunha enquisa estratosférica, que a xente se relaxe e se produza un gran desgusto". "Non só persoal, que sería o de menos, se non colectivo", asegurou, antes de insistir na súa mensaxe de mobilización: "a abstención é o voto directo ao multipartito".

E é que, baixo o seu punto de vista, se gaña "o multipartito", sairá perdendo "a maioría dos galegos, que votarán ao PP". "As vitorias non se logran nunca esperando a que sucedan. Só hai unha forma de lograr unha gran vitoria indo votar. E antes de votar, só hai outra forma, pedindo o voto", aseverou.

Todo iso, antes de pedir non caer en posturas "sobradas ou soberbias" de pensar que os votos se conseguen só por "ir en coche oficial" e lembrou como perdeu Fraga o Goberno en 2005. "As historias dun país cambian con medio punto de porcentaxe. Se baixamos medio punto en cada provincia, palmamos a maioría absoluta".

"O 12 de xullo prestémoslle 15 minutos ao país para non hipotecalo", defendeu o candidato popular, quen volveu reivindicar a xestión do seu Executivo, que representa "a experiencia e non o experimento", e insistiu en que os colexios electorais serán "seguros". "O 12 de xullo ide votar masivamente", pediu. "É o máis importante. "É máis seguro que ir á misa, tomar un viño ou a unha tenda", sentenciou.

Feijóo nun mitin.. PP DE GALICIA
Feijóo nun mitin.. PP DE GALICIA | Fonte: Europa Press

XESTIÓN DA PANDEMIA

Na mesma xornada na que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou que se pecharán durante cinco días os accesos á Mariña lucense, Feijóo reivindicou a súa xestión durante a pandemia e insistiu nunha mensaxe que xa enviara pola mañá: o seu Executivo adoptará "as medidas imprescindibles" para controlar canto antes este brote. "En campaña, antes e despois das eleccións seguiremos coidando da saúde dos galegos como fixemos nos meses do pico da pandemia", aseverou o aspirante popular, quen subliñou que o virus "segue aí" e "infectará a millóns de persoas antes de que haxa unha vacina".

"Emprego e sanidade", comprometeu nun mitin posterior nunha parroquia do rural compostelán, onde convocou aos seus a non cometer "o erro histórico" de confiarse nas enquisas e a contribuír con cada voto a "facer historia" e a lograr a súa cuarta maioría absoluta. "Veñen curvas e é bo ter un condutor experimentado", trasladou.

"QUE NO RURAL SE POIDA VIVIR E SE POIDA VIVIR DO RURAL"

E é que, tras un acto sectorial sobre pesca en Santiago e unha visita a Vilagarcía, o presidente aproveitou tanto o mitin de Lalín como o que posteriormente protagonizou nunha parroquia do rural compostelán para reivindicar a súa xestión no ámbito agrario, ademais de reiterar de novo o seu compromiso co rural.

"Hai xente que quere gobernar sen xestionar un euro público. Eu non deixaría que me opere ninguén que nunca entrou nun quirófano. Esas cousas son serias", subliñou, antes de recoñecer que, aínda que cometeu "erros" no seu máis dunha década, fíxoo sempre "tentando acertar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xavolve

Hai que pagar o Xacobeo...