Marlaska: "Feijóo leva moitos anos pensando que o seu futuro quizais xa non está en Galicia"

O ministro chama á mobilización en apoio ao PSdeG fronte a un presidente da Xunta que xa non mostra "interese" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, chamou á mobilización en apoio á candidatura do socialista Gonzalo Caballero para a Xunta convencido de que o aspirante popular e actual presidente xa non mostra "interese" en Galicia.

"O señor Feijóo leva moitos anos pensando que o seu futuro quizais xa non está en Galicia", manifestou nun mitin no Carballiño (Ourense) o ministro, que asegurou que Feijóo o demostra "coa súa conduta". Fronte a iso, considerou que Galicia necesita un goberno de progreso que traballe xunto ao Executivo estatal e capitaneado por Gonzalo Caballero. "Necesitamos xente como Gonzalo, que teña moi claro cal é o seu futuro e onde está", sinalou.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, e o ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, no Carballiño (Ourense). PSDEG/ANDRÉS FRAGA / Europa Press
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, e o ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, no Carballiño (Ourense). PSDEG/ANDRÉS FRAGA / Europa Press

Nunha intervención na que puxo en valor o traballo feito polo Executivo estatal para facer fronte á pandemia do coronavirus e iniciar unha recuperación na que ninguén queda "atrás", Marlaska subliñou a importancia das próximas eleccións do 12 de xullo.

"Son realmente importantes, transcendentais. Xa levamos 11 anos de gobernos conservadores, do PP, que o único que levaron son limitación do gasto público", sostivo o ministro, que asegurou que, se pola dereita fose, os servizos públicos "non existirían" porque consideran que supoñen "un gasto". "Para nós son investimento", afirmou.

O titular de Interior sinalou que "o diñeiro que se empregue en sanidade e en educación supón "investir e non gastar". "E puidémolo observar despois desta crise sanitaria", apuntou para incidir na importancia de que o Executivo central conte con gobernos progresistas "e a Gonzalo Caballero presidindo o goberno de Galicia". "Porque tes formación, valores, equipo, e un partido importante de máis de 140 anos de historia detrás", sinalou nun mitin celebrado aos pés do Templo da Veracruz do Carballiño a cuxo inicio se tomou a temperatura, do mesmo xeito que todos os asistentes.

Ademais, aproveitou a súa visita para subliñar a importancia da militancia do partido para mobilizar o electorado progresista neste últimos sete días. "Ides facer todo para que non haxa un voto que quede en casa. Estou convencido de que ides estar aí, para que ningunha persoa non estea convencida da necesidade de cambio", exclamou.

"ÁBRESE A SEMANA DECISIVA"

No mitin no que estaba previsto que interviñese o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pero ao que finalmente non puido asistir por motivos de axenda, Gonzalo Caballero deixou claro que neste momento "as urnas están baleiras" e que "ninguén ten un só voto". "Ábrese a semana decisiva", avisou o socialista, que pediu a todos os galegos que apoiaron ao PSOE nas distintas eleccións celebradas ao longo de 2019 que saian a votar ao PSdeG. "Temos a forza, a paixón, o compromiso con Galicia de cambiar o noso país", proclamou.

Neste sentido, apelou tamén a unha "mobilización masiva" para lograr o cambio fronte aos intentos da dereita de "querer establecer de que o ten todo feito". "Prefire que non votedes para que eles poidan apañar os votos", subliñou para incidir en que "por un voto" se decide "se se avanza ou se se retrocede". 

Todo iso nunha comparecencia na que mostrou a súa preocupación polos rebrotes na comarca da Mariña, ante os que instou ao máximo mandatario autonómico a convocar este luns aos principais partidos políticos galegos para abordar a situación.

REBROTES

Tamén se referiu a esta cuestión a cabeza de lista do PSdeG ás eleccións autonómicas por Ourense, Marina Ortega, quen criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tente botarlle a culpa da situación dos rebrotes aos alcaldes agora que as competencias son da Xunta.

Ademais, criticou que desde que Feijóo goberna Galicia, a comarca do Carballiño perde a máis de 20 persoas ao mes sen que o PP faga outra cousa que "recortar". "O 12 de xullo o voto é máis importante que nunca", manifestou Marina Ortega, que se mostrou convencida de que se Galicia se mobiliza, haberá cambio.

Pola súa banda, o alcalde, Francisco Fumega, pediu o voto para Gonzalo Caballero fronte a unha Xunta que en oito anos destinou "cero euros" a investimento en cuestións como o saneamento no Carballiño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Marlaska es un "FACHA" de cuidado !!!