A Mariña: crónica da morte paseniña dunha comarca golpeada polas desgrazas

Os alcaldes do PP apoian manter os comicios do día 12, contra o resto de partidos. A cabeza de lista do PSOE por Lugo confínase na Mariña e non participará en actos no que resta de campaña. O confinamento obriga a pechar parques e prazas. Os traballadores de Alcoa piden a paralización do ERE.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/07/2020 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

A incerteza sobre a cita electoral do próximo domingo se cerne na Mariña despois de que se decretaron medidas sanitarias a raíz do rebrote rexistrado nesta comarca. Os alcaldes do PP apoian manter os comicios do día 12, pero hai voces que explicitamente reclamaron que se suspendan.

Parque infantil pechado
Parque infantil pechado | Fonte: arquivo

Así o considera o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, quen se apoiou en que algúns partidos pediron que se traslade a data das eleccións, como é o caso de Marea Galeguista --que fixo unha consulta ante a xunta electoral-- ou o BNG, que pide que se suspendan os comicios nesta comarca. Así, incidiu en que hai veciños que "teñen medo e reparo" de ir votar este domingo.

"Hai que garantir o dereito ao voto e tamén garantir o dereito á saúde, que debe ser o principal agora", afirmou, para engadir que se debe facilitar que "os confinados poidan votar".

Pola súa banda, o rexedor do PP de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, manifestou que na reunión deste luns telemática dos alcaldes da Mariña e a Consellería de Sanidade non se abordaron novas medidas para as eleccións. "Pedimos á poboación que acuda a votar con total normalidade", sinalou.

"Non vemos lóxico tomar medidas adicionais. Se se permite ir a praias e comercios, pódese votar con total seguridade", concluíu, para lembrar que se implementaron medidas de seguridade para a xornada electoral.

Nesta liña, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), apostou por "garantir o dereito ao voto". Así, indicou que "as persoas contaxiadas non van poder saír a votar", pero o resto poderán "votar con todas as precaucións do mundo". "É unha situación normal", sostivo, para puntualizar que "a preocupación é a saúde da xente".

De igual opinión son os alcaldes do Vicedo e Mondoñedo, que cren que "non hai maior problema".

Pola contra, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), incidiu en que "non se dan as garantías para garantir o voto" este domingo na comarca. "Dinnos que hai 1.100 persoas con orde de confinamento" e "din que poden ir votar", contrapuxo para cuestionalo. "Para a saúde iso é fenómeno", reprochou, para abundar que lle "preocupa a saúde e a economía dos veciños da comarca".

Tamén a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida (BNG), resaltou que "non se dan as garantías para que a xente vaia a votar con seguridade" este domingo e avanzou que, no primeiro día de peche da Mariña, recibíronse renuncias de veciños designados a mesa electoral. "E hoxe é luns", abundou.

Na mesma liña, o rexedor de Foz, Fran Cajoto (PSOE), augurou que o domingo electoral produciranse "problemas na constitución das mesas" desta zona, pola renuncia de persoas en situación de risco "que non queiran exporse" ou, mesmo, porque algún dos illados fose designado para esta función.

"Agora mesmo a xente ten medo. Non estamos para elixir", sinalou, pola súa banda, o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, quen tamén dixo que "a xente xa non estaba animada a votar" e menos agora.

Este alcalde apoiaría que se suspendan as eleccións ata que a situación sexa de normalidade, xa que se pregunta "como se salvagarda as garantías dos cidadáns" para que poidan exercer o dereito a voto. "Isto era case, case previsible", lamentou.

Similar pronunciouse o rexedor de Alfoz, Jorge Val, quen dixo que cinco días de confinamento "non se avalan por ningunha tese epidemiolóxica" e indicou que "non liquida nada".

"Habería que suspender as eleccións na comarca, non pasa nada, celébranse máis adiante", apostou este alcalde, do PSOE, en referencia ata que haxa unha situación de "seguridade" tanto para os membros das mesas como para os votantes. Jorge Val augurou "moita abstención polo medo a contaxiarse".

CANDIDATA CONFINADA

A cabeza de lista do PSdeG ás eleccións pola provincia de Lugo, Patricia Otero, informou de que se confinará na súa casa da Mariña, comarca na que reside, e non participará en ningún acto no que resta de campaña por "responsabilidade" ante o brote de coronavirus detectado nesta zona A tamén secretaria provincial do PSOE de Lugo avanzou que só desempeñará actividades que non impliquen contacto directo con grupos de cidadáns.

Considera que "sería unha irresponsabilidade" participar en actos colectivos. "Quen nos dedicamos á actividade política temos a obriga de dar exemplaridade cos nosos comportamentos. A prioridade é loitar contra a propagación do virus, e aos candidatos tócanos comportarnos con coherencia co que se lles pide aos veciños", apuntou.

Patricia Otero confiou en que "os candidatos de todos os partidos prediquen co exemplo" e "declinen a participación neste tipo de actos". "Sería inconcibible que non se estivese á altura do exemplo que debemos dar. Eu dou o primeiro paso e convido a que me acompañen por coherencia entre o que dicimos e o que facemos", apuntou.

A socialista, así mesmo, considerou que, agora que a Xunta ten as competencias e a responsabilidade, debe "ser eficaz na loita contra a extensión do virus e ser completamente transparente na información". "Os cidadáns da Mariña merecen eficacia sanitaria e transparencia informativa", sinalou.

CRÍTICAS Á CONSELLERÍA

Municipios da Mariña lucense, confinada desde este luns durante polo menos cinco días por un brote de COVID-19 con máis dun centenar de casos positivos, acordaron pechar algunhas prazas e parques como medidas para frear o avance do virus. A comarca, moi golpeada polo peche de Alcoa, ve como unha nova desgracia cae sobre ela.

O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, comentou que no seu municipio acordaron pechar "pistas polideportivas e parques públicos" e barallan "máis medidas" tras decretar a Consellería de Sanidade o confinamento deste distrito sanitario con 14 concellos.

Cajoto mostrouse "moi crítico" coa Xunta por "trasladar a responsabilidade aos concellos" co argumento de que os alcaldes son autoridade sanitaria. "É a Xunta a que ten que velar polo cumprimento", incidiu. Ademais mostrouse "indignado" polo publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) en relación ao peche decretado na Mariña e afirmou que "non é de recibo" que se traslade aos alcaldes "a responsabilidade polo cumprimento".

"Pedimos que a Xunta tome o liderado, que o asuma, que lle corresponde", subliñou Cajoto, quen reivindicou "coordinación" a "quen corresponda" dos corpos e forzas de seguridade como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local para "actuar de forma coordinada" e "saber a quen dirixirse". "Outra cousa é unha irresponsabilidade", abundou.

Neste sentido, o alcalde de Foz explicou que no seu municipio a Policía Local pode velar polo cumprimento das medidas de confinamento na medida das súas posibilidades pero "hai outros concellos que non o poden facer efectivo". Con respecto aos cinco días de confinamento decretados este alcalde apuntou que "é unha cifra estraña" e lembrou que durante o estado de alarma as medidas adoptábanse "de 15 en 15 días".

"ESCURANTISMO

O rexedor de Foz insistiu en que "os alcaldes de todas as cores" da Mariña reclaman "datos oficiais diarios" do brote. "Non se nos trasladan. Trasládannos unha responsabilidade sen ter datos", lamentou, para criticar "certo escurantismo". Con todo, apelou á "responsabilidade" dos veciños para usar máscara e cumprir as medidas establecidas. Cajoto comentou que o confinamento comezou "con normalidade" e "con moitas consultas" de persoas sobre os desprazamentos.

"A XUNTA É RESPONSABLE"

No mesmo sentido se pronunciou, o alcalde de Burela, Alfredo Chairo, que afeo que "as medidas enfocan e reverten nos alcaldes" cando "a Xunta é responsable". Ademais, criticou que se establezan cinco días de confinamento na comarca cando "o normal é ata que se rebaixe o nivel de contagios". Chairo vencellou o esparexemento do virus á "xente nova" infectada que se "move moito".

Este alcalde lembrou que ata o domingo detectáronse "106 positivos" e "hoxe probablemente haxa máis". Por iso, apelou a "mentalizarse" do uso de máscara.

CUMPRIR COA ORDE DA XUNTA

No caso de Xove, o seu alcalde comentou a Europa Press que non se tomaron "medidas adicionais" a maiores das establecidas por Sanidade. "Imos cumprir co que di a orde", afirmou, para indicar que se controlará "a zona de praias". Na mesma liña, o rexedor do Vicedo, o popular Jesús Novo, tamén se cinguirá aos límites que marque a Consellería de Sanidade e continuará co labor de desinfección de espazos comúns, como parques.

Ao contrario que outra rexedores da área, o alcalde do Vicedo puxo en dúbida que o decreto da Xunta lles atribuía máis competencias aos municipios e criticou que se tente "facer política" con esta cuestión. Neste sentido, explicou que os concellos farán "o que poidan" cos seus medios, sobre todo en función de se dispoñen ou non de Policía Local. "Non temos nin poder nin potestade para controlar a entrada e saída da xente, é un tema que lle corresponde ás forzas de seguridade", apuntou, tras o que eloxiou que a Xunta lles vaia informar diariamente da evolución do brote.

Sobre o estado da cuestión, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares (PP), destacou que se "están facendo moitas analíticas, máis de 2.500" e están "a ver todos os posibles focos dos contaxios". "Ten que preocupar e ocupar a saúde dos veciños", aseverou e apostou por "remar todos xuntos" fronte ao virus.

"ALERTA PERO NON ALARMA"

Tras indicar Villares que no seu municipio hai "catro casos positivos", sinalou que se acordou que por parte de Policía Local e Protección Civil "informar á xente e velar polo cumprimento das normas". Así, aposta por "alerta pero non alarma". Os rexedores da Mariña incidiron tamén na afectación deste peche de cinco días, que se poden prorrogar segundo a evolución do brote, nos "hostaleiros e a restauración".

A este respecto, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), tras asegurar que a "colaboración é absoluta" por parte dos rexedores da Mariña, lamentou que algúns están "moi contrariados" polo publicado no DOG e porque "o Goberno galego se pon de perfil". "A maioría dos concellos non teñen Policía Local", dixo para controlar aforamentos e praias. "Temos competencias como limpeza viaria, pero non un corpo militarizados para controlar todo isto", matizou.

Para o alcalde de Ribadeo hai unha "falta de planificación importante" por parte da Xunta, criticando que haxa municipios con "dous casos" que se incluíron no peche da Mariña. "As reservas canceláronse en cuestión de horas", lamentou.

COLAS PARA FACER AS PROBAS

Este luns, o primeiro de illamento na Mariña, municipios como Burela amenceron cun panorama similar ao rexistrado durante o confinamento, coa maioría dos negocios, comercios e locais de lecer pechados. Ademais, pouco antes da hora de apertura do 'COVIDauto' instalado no exterior do Hospital da Mariña, ao redor de medio centenar de vehículos colapsaban o acceso a través da Rúa do Instituto, á espera de poder realizarse as probas de COVID-19.

Ao longo desta semana, e mentres duren as medidas excepcionais, está previsto que os alcaldes da Mariña e a Consellería de Sanidade manteñan unha reunión telemática diaria sobre a evolución deste brote.

PARALIZACIÓN ERE

Por outra banda, o comité de Alcoa San Cibrao pediu a suspensión das negociacións do ERE --que son 30 días naturais ata o 24 de xullo-- debido ao peche da Mariña polo brote de coronavirus na comarca.

Así, rexistrou un escrito con data de este luns para solicitar a suspensión do proceso formal de consultas "debido á restrición de mobilidade e a imposibilidade de poder exercer" o dereito a mobilizarse e a reunirse en asemblea neste período.

CONTROL POLICIAL

A Consellería de Sanidade aclarou aos concellos da comarca da Mariña que o control das persoas illadas ou en corentena levarao a cabo os servizos asistenciais da xefatura territorial do Sergas en colaboración coa Policía Autonómica.

Así, Sanidade lembrou aos concellos que son competentes para velar polo cumprimento do uso de máscara, o control de aforamento e os horarios de peche dos locais, así como controlar os espazos e instalacións de titularidade municipal.

Así mesmo, solicitan a súa colaboración para que "dentro das súas posibilidades" os corpos das policías locais e protección civil poidan exercer tarefas de información das obrigacións establecidas na comarca mariñá.

ADRIANA LASTRA

A vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz no Congreso, Adriana Lastra, trasladou este luns a súa solidariedade aos 70.000 veciños da Mariña afectados o peche da comarca tras o rebrote do coronavirus.

Nun mitin en Ferrol para apoiar a candidatura do socialista Gonzalo Caballero á Presidencia da Xunta, Lastra asegurou que estes cidadáns "van ter a un goberno apoiándoos".

A este respecto, volveu pedirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que informe publicamente e na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia do rebrote. "Necesitamos toda a transparencia, necesitamos a un presidente da Xunta que diga a verdade", sostivo.

Así mesmo, criticou que os alcaldes e alcaldesas desta zona non conten cos datos suficientes por parte do Goberno galego e rexeitou tamén que a Xunta, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) tente trasladarlles a autoridade cando "eles non teñen as competencias".

"O Goberno da Xunta ten as competencias en materia de sanidade, de saúde pública e ten que tomar as medidas necesarias e explicar con claridade o que está a facer, por que non se tomaron medidas antes e os motivos polos que se expón un confinamento de cinco cías", asegurou.

"Non quero pensar que alguén está a tentar minimizar a gravidade para tentar levar adiante un proceso electoral que non teña todas as garantías", indicou Gonzalo Caballero, que volveu a afirmar que "parece que non se dan as condicións óptimas para que as eleccións se poidan celebrar con normalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 anonimo

Resposta para " Ana". A " suposta" pandemia matou a 600 e pico persoas en Galicia, e 28.000 en España, ou 130.000 en USA. Xa que logo, non ten nada de " suposta" e moito de real. As teorías conspiranoides ( todo e una conspiración ) ainda teñen público.E algo infantil pensar que o das mascarilas é unha técnica de " control" social. Menos infantilismo, please.

4 Moine

A seguir votando PPSOE. Galegos e galegas a seguir emigrando.

3 Ana

Non entendo como a xente non ve que o confinamento supon ruina economica e recorte de liberdades. E por suposto non se xustifica por uns cantos positivos (supoñendo que sexan fiables os test) e por un virus que e menos mortal que a gripe. Arruinar as economias, endebedar mais os paises e control social (bozal, distanciamento social, praias parceladas, controis de temperatura,etc ) de iso vai a suposta pandemia. A lastima e a falta de pensamento critico da poboacion que nos levara a que o proximo sexa a vacuna obrigatoria e o chip. Por certo, buscade en youtube "informe Barbastro".

1 José

Mire señora, faría ben en informarse mellor, razonar antes de escrever e deixar de propagar especulacións como se fosen verdades reveladas. O principal estrago que fai o confinamento é na estabilidade emocional, algo que, por certo, muita xente coñece de primeira man e por iso non anda soltando parvadas que saen no youtube.

2 NVV9

Había que facer un eixe atlántico dende Vigo ata Ribadeo, e dalí a Europa.

1 non o vexo¡¡

Desgrazas, desgrazas e máis desgrazas ese é o designio que temos en Galicia.... queixumes dos pinos!!!!! Si o único que sabemos facer é pedirlle aos demáis que resolvan os nosos problemas as desgrazas están garantizadas....