Os concellos acusan á Xunta de trasladarlle aos alcaldes responsabilidades sanitarias ante brotes

A Fegamp critica que a Consellería de Sanidade impoña a alcaldes e alcadesas a consideración de "autoridade santiaria" segundo a cal deberán "garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento" das medidas decretadas nos seus municipios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2020 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) censurou que a Administración autonómica traslade aos alcaldes a responsabilidade de exercer como "autoridade sanitaria" en episodios de peches de áreas por brotes de Covid-19, como o que foi decretado para a comarca da Mariña luguesa.

A entidade que preside o rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, saíu ao paso este luns das medidas recollidas polo Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado domingo referentes ao peche da comarca do norte de Lugo ata o vindeiro venres para combater o brote de coronavirus.

A Fegamp critica que a Consellería de Sanidade impoña a alcaldes e alcadesas a consideración de "autoridade santiaria" segundo a cal deberán "garantir a vixilancia, inspección e control do cumprimento" das medidas decretadas nos seus municipios.

A federación lembra que a Lei reguladora de Bases de Réxime Local establece que a xestión de crises sanitarias recae na Dirección Xeral de Saúde, é dicir, na Xunta e que, por tanto, corresponde á Administración autonómica coordinar, achegar medios e elaborar plans de actuación para facer fronte a situacións como a aberta na Mariña.

Neste sentido, os concellos advirten das súas "limitacións" en canto a recursos humanos e materiais para facer fronte ás funcións que lle adxudica a Xunta. Como exemplo diso, sinalan que "o 60%" dos concellos galegos carecen de Policía Local e que un "número significativo" de municipos con este corpo contan con persoais mermados pola taxa de reposición.

Así as cousas, as entidades locais reivindican o traballo realizado ao longo desta crise sanitaria "asumindo funcións engadidas e mesmo impropias sen dispor de medios extraordinarios para o seu desenvolvemento", polo que demadan á Xunta que asuma as súas responsabilidades para que "a protección da saúde sexa igual para todos os galegos independentemente da facenda local de cada concello".

Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña (Lugo), que estará pechada durante cinco días tras declararse un brote de coronavirus que afecta a máis dun centenar de persoas, a 5 de xullo de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña (Lugo), que estará pechada durante cinco días tras declararse un brote de coronavirus que afecta a máis dun centenar de persoas, a 5 de xullo de 2020.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta