Vox di que manterá o galego como lingua cooficial, pero coma "un privilexio"

Evita aclarar se Feijóo ten garantido o apoio de Vox se é chave tras o 12X.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

O cabeza de cartel de Vox pola Coruña, Ricardo Morado, reivindica que a formación leva "a liberdade" como "pau da súa bandeira" e remarca o seu rexeitamento á "imposición lingüística", pero asegura que, se tivese capacidade de goberno na Comunidade tras o 12 de xullo, "por suposto" que mantería o galego como lingua cooficial, xa que defende que ambas as linguas, galego e castelán, "coexistan".

"O galego ten que ser un privilexio, en ningún momento debería ser unha imposición", argumentou, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que subliñou que Vox non avoga por "impor o español por encima do galego", senón por que na Administración pública e na educación "coexistan ambos os idiomas en igualdade de condicións, cousa que agora mesmo non sucede".

Morado, que ten 42 anos e iniciou o seu percorrido na política con Vox en 2019 como coordinador da zona de Ferrol, onde naceu e ten a súa residencia, elixiu o partido de Santiago Abascal por que é, explicou, "o único proxecto social e patriótico" que o representa. "Sempre dicimos que non somos nós quen representamos os valores e o ideario de Vox, senón que é Vox quen nos representa a nós", indicou.

"Vivindo en Galicia neste contexto de deriva nacionalista na que nos atopamos, quero para a miña filla unha educación parecida á que tiven eu cando era pequeno. Agora mesmo Galicia parécese moito á Cataluña de hai 20 anos e non me gustaría que a miña filla se atopase cun panorama similar ao que se atopan agora os nenos en Cataluña", advertiu.

Por iso, concede "moita importancia" á educación. "É moi importante a liberdade, e subliño a palabra liberdade, para poder escoller o idioma no que escolarizamos aos nosos fillos, xa sexa en galego ou en español, pero que todos os pais poidan ter esa liberdade", dixo, antes de destacar outras propostas xa coñecidas do seu partido como o pin parental ou un "cheque escolar" para que "a competencia sa" entre centros promova "a excelencia".

APOIOS AO PP

Nun escenario no que voces destacadas do seu partido identificaron ao actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, como "nacionalista" e aseguraron que é preciso telo "vixiado", preguntado acerca de se o aspirante popular á reelección ten garantido o apoio de Vox se é chave para a súa continuidade á fronte da Xunta, evitou aclaralo.

Sobre cal sería a primeira medida que adoptaría Vox en Galicia se tivese capacidade de Goberno, o candidato situou como puntos "moi importantes" do programa de Vox "a redución do gasto político" e avanzou a intención de facer "unha auditoría a entidades e sociedades subvencionadas pola Xunta".

Tamén dan "moito peso" a traballar para solucionar os problemas da industria en Galicia, e aludiu ao futuro de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Lugo), ou á situación da planta de Ence nas Pontes (A Coruña).

Ricardo Morado, cabeza de lista de Vox pola Coruña.. VOX
Ricardo Morado, cabeza de lista de Vox pola Coruña.. VOX | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

"O galego ten que ser un privilexio, en ningún momento debería ser unha imposición". Ao parecer estos señores, que tanto acusades de feixistas, teñen mellor concepto para o galego que teñen os da pandemia nacionaleira que toman o galego como un bautismo obligatorio para acceder a galeguidade. O galego debe ser unha lingua oficial en Galicia para as personas que desexen usalo porque asi o deciden elas, debe ser lingua viva porque as personas co seu uso asi o deciden, mentras que os bispos da pandemia nacioneira din que o galego debe ser obligatorio porque o dixo Cristo. As personas porriba das linguas e non ao revés como din os damnificados polo bloque.