Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2020 | Actualizada ás 22:35
"10 feridas abertas, 10 anos perdidos". É o título do decálogo que a Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM) vén de presentar para chamar a atención sobre a "discriminación" á que, apuntan, foi sometida a franxa litoral na década que leva Feijóo á fronte da Xunta de Galicia.
A ADECOM, unha plataforma de recente creación que pretende poñer de relevo os "anos perdidos" da zona, destaca un total de 10 problemáticas e demandas que "cremos que tamén comparten a inmensa maioría social da nosa comarca e as súas entidades". Así, e en liña coa dinámica xeral de Galicia, un dos temas máis destacados na web da asociación é o decremento poboacional da comarca, que "perde poboación a marchas forzadas", un problema que sinalan como común á "práctica totalidade das poboacións" que compoñen a zona.
Á par desta problemática, común á meirande parte do territorio galego, a asociación fai fincapé na "discriminación" sufrida a nivel económico, unha dinámica que queda patente no "retroceso das súas principais industrias" pero tamén na ausencia de comunicacións de calidade. Esta falta de infraestruturas é tal que "superada a quinta parte do século XXI", a Costa da Morte segue sen autovía nin tren, á parte de contar cun servizo de autobuses que "cada ano" perde liñas.
TURISMO "MASIFICADO"
O manifesto, publicado na web da asociación, fai fincapé tamén no papel que o turismo "masificado" está a tomar na bisbarra. "Cando nos venderon a panacea do turismo como alternativa á desindustrialización ou mesmo para xustificar o desmantelamento do noso tecido produtivo 'tradicional', nada nos faría imaxinar que o prezo era que se acabara poñendo a economía dunha comarca enteira ao servizo dun tipo de turismo masificado e enteiramente estacional, dun ou dous meses ao ano", sinalan.
Esta mención ó turismo vai acompaña dun dardo lanzado directamente ó Goberno Autonómico: "toda esa aposta das administracións, nucleada principalmente en torno aos vectores do Camiño de Santiago e das praias, é dicir a unha soa carta, xerou un elevado nivel de dependencia económica dun tipo de turismo que cada vez resulta máis destrutivo para as comunidades locais". A crítica dun modelo económico monopolizado polo turismo discorre á par da denuncia dun parque de vivenda marcado pola irrupción de plataformas como Air BnB, que agravan o problema de "casas sen xente e xente sen casas".
As demandas da asociación, que abranguen a protección do medio rural, os montes e o patrimonio, culminan cun chamamento á conservación da "identidade" propia da Costa da Morte: "A suma dos anteriores factores está levando á progresiva desaparición dos rasgos de identidade da Costa da Morte coma pobo, incluíndo a unicidade das súas expresións culturais, artesás...". Unha perda que chaman a reverter para conservar "o legado dos noso devanceiros" nunha terra habitada dende hai millares de anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.