Centran entre Cabeiro e Punta Arnela a procura de dous desaparecidos tras envorcar un kaiak en Porto do Son

Unha terceira persoa que viaxaba na embarcación foi rescatada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/07/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A procura de dous ocupantes dun kaiak que se atopan en paradoiro descoñecido tras envorcar en Porto do Son (A Coruña) este luns, despois de que unha terceira persoa que viaxaba na embarcación fose rescatada, céntrase coa baixamar entre Cabeiro e Punta Arnela.

Buscan dous desaparecidos tras envorcar un kaiak en Porto do Son (A Coruña)
Buscan dous desaparecidos tras envorcar un kaiak en Porto do Son (A Coruña) | Fonte: Salvamento Marítimo.

Así o informou Salvamento Marítimo, que concretou que a procura destas dúas persoas desde as 12,30 horas, coa baixamar, "concentra os esforzos aéreos, superficie, mergulladores e medios por terra entre Cabeiro e Punta Arnela". Este operativo é coordinado polos controladores marítimos do Centro de Salvamento de Fisterra.

Mentres, por terra efectivos de Protección Civil rastrexan a zona comprendida entre as praias de Coira e Cabeiro, indicaron as mesmas fontes, mentres que por mar cunha lancha buscan entre Illa Creba e Portosín.

As mesmas fontes do dispositivo indicaron que sobre as 7,00 horas deste martes un pesqueiro localizou un chaleco que posiblemente pode pertencer ao kaiak envorcado.

A moza rescatada, de nacionalidade española, explicou que no kaiak levaban chalecos, pero non os puxeron. A moza foi traslada ao complexo hospitalario compostelán.

O accidente tivo lugar na praia de Coira, na localidade de Portosín sobre as 21,30 horas deste luns cando tres amigos, dous mozos e unha moza, facían uso da embarcación e perderon un remo. Tras coñecer os feitos, Salvamento Marítimo mobilizou un dispositivo de procura no que participaron medios marítimos e aéreos.

Os servizos de emerxencia localizaron o kaiak envorcado e rescataron a unha das ocupantes da embarcación xa en terra. A moza foi trasladada ata o aeroporto de Santiago nun helicóptero de Salvamento Marítimo, desde onde foi levada ao CHUS.

As outras dúas persoas que viaxaban no kaiak, dous homes, permanecen en paradoiro descoñecido. No dispositivo tamén participaron efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, axentes da Garda Civil e persoal de Protección Civil de Porto do Son.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta