A familia do ditador Franco defende que a Casa Cornide é "propiedade súa" e xustifican a súa posta en venda

O Concello da Coruña xa batallara en anos anteriores por devolver ó patrimonio público un edificio que foi sede das dependencias municipais ata a súa enaxenación en 1962.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/07/2020 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O avogado da familia Franco, Luís Felipe Utrera Molina, defendeu a posta en venda da Casa Cornide, na Coruña, por parte dos herdeiros do ditador. O letrado argumentou, ao ser preguntado, antes do inicio do xuízo sobre a devolución ao Estado do Pazo de Meirás, que os seus clientes poden pór á venda "calquera propiedade que sexa súa".

Exterior da Casa Cornide
Exterior da Casa Cornide | Fonte: Concello.

"Declararon os impostos da herdanza da súa nai e poden pór á venda calquera inmoble da súa propiedade", recalcou despois de que a Casa Cornide, sobre a que se reclama a súa devolución ao patrimonio público, aparecese posta á venda nun portal inmobiliario.

Dun xeito semellante ó acontecido co Pazo de Meirás, nos últimos anos tiveron lugar distintas protestas e iniciativas en institucións como o Concello herculino para esixir a súa devolución ao patrimonio público. Desde o consistorio trabállase tamén en lograr a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

POXA PÚBLICA

Este pazo do século XVIII foi sede de dependencias municipais, aínda que en 1962 foi enaxenado mediante unha poxa pública, recaendo no empresario coruñés Pedro Barrié de la Maza. No escrito de adxudicación trasladaba, no entanto, a vontade de transferir o edificio a Carmen Polo, esposa do entón xefe do Estado, Francisco Franco, que, finalmente, incorporouna ao seu patrimonio.

Nos últimos anos, protagonizáronse, do mesmo xeito que ocorreu co Pazo de Meirás, distintas protestas e iniciativas en institucións como o Concello herculino para esixir a súa devolución ao patrimonio público. Desde o consistorio trabállase tamén en lograr a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

1.400 METROS CADRADOS NA CIDADE VELLA

Nos anuncios de venda do inmoble este aparece comercializado como "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 habitacións, 13 baños e 1.430 metros cadrados. "Exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente no 2018 (con estrutura metálica, de formigón e pedra", sinalan achegado fotos das distintas estancias do interior do inmoble.

Del, sublíñase que dispón na planta baixa "de garaxe para dous vehículos, e unha sala-almacén con xanelas a dúas rúas", así como "un apartamento de tres dormitorios, cociña, sala de estar e baño". A iso, suman un apartamento para convidados.

"Na planta superior, está situada unha fantástica biblioteca realizada en madeiras nobres", especifícase xunto a outras estancias. Ademais, remárcase o "aspecto señorial ou palaciego" do inmoble.

XUÍZO DE MEIRÁS

A posta á venda da propiedade prodúcese cando se está celebrando o xuízo polo Pazo de Meirás no que o Estado e as demais administracións intervenientes --a Xunta, a Deputación coruñesa e os concellos da Coruña e Sada-- reclaman a súa devolución ao patrimonio público. Sobre este proceso, o letrado dos Franco insistiu en que se centra "nunha discusión sobre o dereito da propiedade" fronte aos argumentos do Estado que o reclama como un "ben público" e que alega que houbo unha "venda simulada" a Franco en 1941.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta