Temas: FRASEOLOXíA

“Coller a cousa/asunto de man” ou “poñer pé no conto”, equivalentes, entre outras, a “tomar cartas en el asunto”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 12/07/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas ocasións en que alguén pasa a intervir –sobre todo se antes se abstivo de facelo ou intentou manterse á marxe– con decisión nun asunto, negocio ou situación que presentan dificultades ou resultan conflitivos, ou nun asunto ou negocio ós que apenas lles concedía importancia ou que a canto lle afectaban, o que habitualmente escoitamos é que ese alguén toma cartas no asunto.

Dani Moreno apreta o puño en Fisterra.
Dani Moreno apreta o puño en Fisterra. | Fonte: lavuelta.com

Sen entrarmos a valorar a pertinencia ou non desta frase feita na norma estándar da lingua galega (iso si, coa documentación que manexamos, a impresión que temos é que, sexa ou non aceptada nun futuro por parte da RAG, parece un calco da correspondente castelá), na medida en que se trata dunha angueira que non nos corresponde, si que podemos dar conta doutras secuencias expresivas que veñen a manifestar basicamente o mesmo contido. Vexámolas:

Tomar cartas en el asunto

{= Pasar alguén a intervir con decisión nun asunto, negocio ou situación nos que non estaba metido e que presentan certas dificultades ou resultan conflitivos, ou nun asunto ou negocio ós que apenas lle concedía importancia ou que a canto lle afectaban, sobre todo se se dá a circunstancia de que antes se abstivo de intervir ou se intentou manter á marxe.}

Coller/Tomar a cousa de man # o asunto de man

Poñer pé no conto # no asunto

Meter man no asunto # no tema

[E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADA EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]:

Meterlle man ó asunto # ó tema

Ex.: Finalmente, y ante el clima de tensión que se estaba viviendo, el director tomó cartas en el asunto y los puso a todos en su sitio.

Ó último, e ante o clima de tensión que se estaba a vivir, o director colleu a cousa de man # tomou o asunto de man puxo pé no conto # puxo pé no asunto meteu man no asunto e púxoos a todos no seu sitio.

● Mesmo tamén, fundamentalmente naqueles contextos en que quen pasa a intervir no asunto ten poder de decisión ou de grande influencia nel (isto é, basicamente cando vén máis ou menos a equivaler ás secuencias castelás “encargarse del asunto” ou “hacerse cargo del asunto”):

Tomar conta do asunto # do tema && Tomar da súa conta o asunto # o tema

Ex.: Ó último, e ante o clima de tensión que se estaba a vivir, o director tomou conta do asunto tomou da súa conta o asunto e púxoos a todos no seu sitio.

● E inda, só en certos contextos:

Tomar medidas (en el asunto # en el tema # en la cuestión)

Tomar medidas (no asunto # no tema # na cuestión # no conto)

NOTAS:

1. É de notar que, en función dos contextos, en pago dos substantivos asunto ou tema tamén se podería bota man das voces conto, cuestión, choio ou semellantes.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta