Francisco X. Fernández Naval fainos unha reseña d'O raio verde

Francisco X. Fernández Naval aproxímanos á obra de Inma Doval, residente en Cecebre. Xacobe Meléndez Fassbender é o autor das imaxes que acompañan esta reseña.

Por GC Tendencias | A Coruña | 13/02/2013 | Actualizada ás 09:39

Comparte esta noticia

Inma Doval vén de inaugurar nova exposición, titulada 'O raio verde', nos locais do Club do Mar da Coruña. Inma, artista que reside en Cecebre, vén desenvolvendo unha grande actividade nos últimos anos, tanto a nivel creativo, amosando ao público os seus proxectos individuais ou participando noutros colectivos, como a nivel de dinamización e participación, co colectivo ArTeu, fundado por ela e polo fotógrafo Xacobe Meléndrez Fassbender

O raio verde. Foto Fassbender O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender O raio verde. Foto Fassbender

Na casa que Maribel Longueira e eu temos en Lira, Carnota, pendurando na parede do noso cuarto, diante da cama, hai un gravado de Inma. Non se percibe nel o raio verde, probablemente porque outras son as cores e os tons do gravado. O que el nos amosa é unha paisaxe de mar, un remuíño de escumas no abalo da marea.

Lembro agora ese gravado que me acompaña cando alí me ergo e cando me deito, diante desta nova exposición de Inma. Nela o mar é algo constante e necesario, un fluxo de creación, unha atracción e unha paixón.

Neste raio verde, preséntanos unha colección de esculturas e pinturas que son a súa obra última. Xa vira eu parte das obras nunha exposición anterior que hai sete meses ofreceu nunha galería de Aveiro. Pero traballou arreo dende entón ata completar este universo marabilloso de cor e de emocións, este xogo sutil de ollares que se cruzan, olladas de améndoa ou como dicía Virginia Woolf na novela As ondas, ollos de pera.

O raio verde, a rosa verde do mar, que dicía Urbano Lugrís. Eu nunca o vin, malia buscalo en centos de solpores atlánticos. Ela si tivo a fortuna de velo un solpor no areal de Nemiña, da man de Elena Campbell. E fixo como di Manuel Antonio que debemos facer con ese brillo último:

O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender

E garda no teu peito o raio derradeiro

e xura coma un vello e andante cabaleiro,

defendelo ata a morte, coma un Santo Grial.

Hai cousas que só lle son ofrecidas aos seres inocentes: o Grial, unha aurora boreal, o raio verde. A Inma foille ofrecida a visión, e gardouna, e defendeu a súa lembranza coma un tesouro íntimo e único. Inma conservou dentro de si aquel lampo efémero e con xenerosidade hoxe nolo devolve aquí, nesta mostra que, como ela ben di, é o resultado da pescuda interior que supón, certamente, calquera acto de creación. Agora, cando nos fala del, invoca a W.J. Burroughs, Xulio Verne, Marie Rivière, Delphine e, por suposto, ao cineasta Eric Rohmer, que foi quen de recoller ese instante único no film de 1986, que leva, precisamente ese título.

Inma, nesta exposición, consegue a máxima expresividade coa utilización da cor. Gustave Moreau, o pintor, precursor e mestre de pintores, non ensinaba ningunha doutrina senón que forzaba aos seus alumnos a pintar con independencia e a procurar a técnica que fose máis axeitada ao seu temperamento. Desa escola saíron grandes creadores como Matisse, un dos artistas máis influentes na pintura posterior. Matisse e a utilización da cor, ou Gauguin e a súa liberdade de cor e de formas, son referencias cando falamos da liberación do temperamento e do instinto persoal. Para min que a obra de Inma Doval, en particular a que forma parte deste raio verde, debería encadrase dentro desa corrente artística.

Para os fauvistas o cadro debía ser expresión. Tamén para o expresionismo alemán, pero coido que non podemos considerar a obra de Inma vinculada a este movemento, aínda que tamén nela tiña unha grande importancia a expresión do sentimento, pero este estaba ligado a un certo pesimismo, a angustia existencial, a un sentido tráxico da vida

Non sucede isto en Inma. Como os artistas alemáns, ela distorsiona a realidade e pretende impactar ao espectador, pero válese, fundamentalmente da emoción, da relación plena coa natureza, dun sentido positivo da existencia. A súa capacidade de síntese e o seu sentido decorativo conéctana de novo cos fauvistas, no que a súa obra ten de canto á vida, de fábula, de mundo marabilloso e de esperanza. E iso sucede tanto coa súa pintura como coa súa escultura, velaí senón esa Teodora cunqueiriana, ser que agroma da máis fértil e fermosa mitoloxía mediterránea ou esa esfinxe do tempo, co enigma que supón observar a diferente expresión de cada un dos seus perfís. Ou o acougo debuxado no rostro da serea que escoita o canto do sereo, o home mariño atlántico do que nos fala Xurxo Souto, un sereo que interpreta tangos.

Estes cadros, estas esculturas, estimulan o mellor que hai en nós. A min suxeríronme unha sucesión de versos, emocións, imaxes e estados de ánimo que, quizais, compoñan un poema:

O RAIO VERDE

A Inma Doval

Arañeira de mar,

lampo de seda,

salouco de verán sucando escumas,

un ventre de coral

e un barco azul, papel verde e azul,

navegando un ombreiro

de sal e de alegría.

Clavícula de sol,

canle das illas,

ollada oval que acouga

e que respira.

Fecundo raio,

temporal,

cardume,

paraíso fugaz onde a serea dorme,

onde xermola a escama, a améndoa

e a ardentía.

Tona que acolle o canto do arroaz,

infinda e efémera sucesión das ondas

contra o areal dos días.

O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender
O raio verde. Foto Fassbender
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta