Pontevedra presenta unha modificación de crédito para axudas a autónomos e a reforma do parque de bombeiros

O Concello indica que esta modificación de crédito vén determinada fundamentalmente a consecuencia da crise económica e sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra, Raimundo González, informou de que na próxima sesión plenaria do 20 de xullo aprobarase unha modificación de crédito que ascende a 3.435.000 euros, e na que se inclúe a partida destinada ás axudas a autónomos e microempresas, así como a reforma do parque de bombeiros.

Con esta modificación de crédito, o orzamento do Concello de Pontevedra sitúase en 100 millóns de euros, tras as incorporacións de remanente e altas que se fixeron sobre os 79.336.000 aprobados inicialmente.

Raimundo González indicou que este orzamento sae maioritariamente de remanente líquido de tesouraría, concretamente 2.791.000. Os preto de 650.000 euros restantes correspóndense con baixas de diferentes partidas, como o fondo de continxencia ou intereses de préstamos.

A partida destinada ás axudas a autónomos e microempresas ascende a 1.250.000 euros e é a máis "substancial" da modificación de crédito. Raimundo González lembrou que se trata dunha cantidade inicial que "é susceptible se ser ampliada en función de como evolucionen as solicitudes e xustificacións".

As bases desta convocatoria contemplan un anticipo do 75% da cantidade subvencionada, trátase dunha subvención de capital "para investimentos no propio local do negocio".

Raimundo González indicou que esta modificación de crédito vén determinada fundamentalmente a consecuencia da crise económica e sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19 "e o que se pretende maioritariamente é axudar aqueles sectores resultaron especialmente prexudicados", así como "repor crédito en partidas nas que xa resulta insuficiente na actualidade".

Pero o Goberno local tamén aborda con esta operación orzamentaria "temas de investimento" o que, segundo xustificou o edil nacionalista, "non deixa de ser un elemento de dinamización económica" para recuperar a economía da cidade "para así dar saído desta longa noite".

A segunda partida máis cuantiosa é a de melloras en accesibilidade urbana que ascende a 722.000 euros e que repercutirá nos barrios de Valdecorvos, Gorgullón, o Burgo, e as zonas da avenida de Vigo, Taboada Neto e Cobián Roffignac.

En canto aos investimentos no Servizo de Extinción de Incendios, suman 350.000 euros e inclúen tanto a compra de novos equipamentos como a mellora das instalacións do propio Servizo que datan do ano 1986 polo que xa "se fai necesario acometer unha reforma máis en profundidade" das zonas comúns e redistribuír a planta baixa.

Tamén se inclúe unha partida de 320.000 euros que corresponde co investimento que ten que facer o Concello no marco da subvención para eficiencia enerxética na iluminación exterior nas parroquias de Campañó, Alba e Cerponzóns. No ámbito deportivo, inclúese unha partida de 300.000 para para as subvencións aos clubs deportivos.

Finalmente, para emerxencia social contémplase unha partida de 100.000 euros de face a complementar todos os incrementos que xa se habían vindo facendo mediante transferencias internas. A modificación de crédito tamén contempla partidas destinadas a programas de Benestar, actuacións de Promoción da Cidade, ou asistencias técnicas de Parques e Xardíns.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta