Investigadores galegos buscan restos da Covid-19 en augas residuais

Un grupo de investigadores, entre eles da USC, buscan en 30 estacións de augas residuais repartidas por toda España material xenético do SARS-CoV-2.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/08/2020 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

Vixiar periodicamente a concentración do material xenético do virus SARS-CoV-2 na entrada de 30 estacións de augas residuais repartidas por toda España, é a finalidade do proxecto que impulsa o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Os científicos da USC Jesús L. Romalde e David Polo, do equipo de traballo en Viroloxía Ambiental do grupo en Patoloxía da Acuicultura da USC toman parte nesta investigación.

“Diferentes estudos de varios países, incluída España, demostraron que o material xenético do SARS-CoV-2 pode ser detectado en augas residuais antes do ingreso de pacientes da COVID-19 nos hospitais, o que indica que estas augas poden constituír un sistema de alerta temperá efectivo para a detección de posibles brotes, así  como para a toma de decisións dende o punto de vista da saúde pública”, explica o profesor Romalde. Neste proxecto tamén participan científicos da Universidade de Barcelona e do CSIC.

A vixilancia da concentración do material xenético nas 30 estacións de augas residuais complementa diversos proxectos xa en desenvolvemento por parte das Comunidades Autónomas e as Entidades Locais. “Proponse asemade establecer unha plataforma de intercambio de información sobre as actividades de seguimento a nivel estatal e rexional que permita compartir os datos e contribúa a un sistema de alerta temperá para a detección precoz do SARS- CoV-2 en España”, continúa Romalde.

A selección das localizacións das estacións de depuración realizouse tomando en consideración a distribución xeográfica e a relación con outros municipios debido á mobilidade das persoas; a incidencia previa da COVID-19, con maior influencia en poboacións grandes e con interaccións importantes dentro delas; a representatividade de diferentes tipos de poboación; a coordinación cos proxectos en execución polas Comunidades Autónomas e Entidades Locais; así como outros criterios como a representatividade xeográfica e climatolóxica.

Verteduras de augas residuais
Verteduras de augas residuais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta