Denuncian o empeoramento das condicións en residencias de maiores e a restricción das visitas de familiares

As familias agrupadas na Federación REDE acusan aos centros privados de falta de información sobre os seus parentes así como falta de persoal suficiente para atender os usuarios. Engaden a isto a necesidade urxente de reforzar a Atención Primaria

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/07/2020 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Nun comunicado emitido este venres, REDE sinala que empeorou o problema por falta de persoal en residencias de maiores. Apuntan que coa chegada da “nova normalidade” o traballo aumentou nestas residencias. Pola contra, os cadros de persoal non se ampliaron e seguen sendo insuficientes  para afrontar todas as tarefas dos centros de maiores.

Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangas
Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangas | Fonte: Miguel Núñez

A partir disto, REDE denuncia tamén que as direccións dos centros obstaculizan as visitas de familiares para limitar a carga de traballo. A falta de persoal implicou tamén que os “reducidos” equipos médicos limitaron as visitas aos e ás residentes. A consecuencia é unha falta de avaliación do estado de saúde das persoas que pasaron pola COVID-19 e das persoas que estiveron illadas en centros durante a pandemia.

A federación de familiares pide non esperar a que “se forme un novo goberno”. Por iso piden á Xunta de Galicia un “plan de choque” que reforce de maneira inmediata o persoal das residencias e os cadros de persoal de Atención Primaria. Isto último debido a que “non hai outra posibilidade” de que os maiores reciban “os cuidados que precisan na situación actual”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta