Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2020 | Actualizada ás 11:49
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dos premios de excelencia académica para alumnos de graos universitarios que obtiveron as mellores cualificacións no curso 2018/19 en cada un dos cursos, salvo no último.
O orzamento total desta edición é de 512.000 euros en total (un 16,4 por cento máis con respecto á anterior) e cada persoa que resulte galardoada recibirá 1.000 euros e un diploma acreditativo. En caso de non esgotarse o crédito total existente cos premios outorgados, o restante repartirase entre os que teñan unha nota superior a 9 puntos, en contías de 500 euros.
Segundo explica a Xunta, "non será necesario presentar solicitude ningunha", xa que serán as universidades quen seleccionen os expedientes académicos das persoas que, tras superar os créditos correspondentes a un curso académico completo na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, que deberá ser sempre máis alta que 8.
Así, as universidades galegas dispoñen dun prazo dun mes a partir da publicación no DOG para remitir á Consellería a certificación académica dos estudantes que opten aos premios de excelencia. Así mesmo, deberán facer pública a relación de nomes propostos a través das súas páxinas web.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.