Publicadas as puntuacións provisionais das oposicións á atención primaria do Sergas

Os resultados do proceso, que ofrece 1.500 prazas a un total de 5.000 aspirantes, xa poden ser consultados na páxina web do servizo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2020 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as puntuacións provisionais da fase de concurso obtidas polos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo do Sergas para o ingreso nas categorías de médico de familia, odontoloxía e pediatra, todas elas en atención primaria.

Ademais, informou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa, foron publicadas as puntuacións para as categorías de enfermaría familiar e comunitaria, pediátrica, enfermaría do traballo, de saúde mental e obstétrico-xinecolóxica, ademais das de fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermaría e persoal de servizos xerais.

Sanidade concretou que esta fase de oposición foi superada por 4.946 aspirantes no marco dun proceso selectivo no que se ofertaron 1.492 prazas, das que 254 corresponden á categoría de médico de familia, 93 á de pediatra e sete á de odontólogo.

Tamén se convocaron 89 prazas para enfermaría obstétrico-xinecolóxica, 30 para enfermaría especialista en saúde mental, 30 prazas para enfermaría familiar e comunitaria, 18 de enfermaría especialista en pediatría e dúas para enfermaría especialista do traballo. A elas súmanse 71 de fisioterapeuta, 772 para técnico en coidados auxiliares de enfermaría e 126 para persoal de servizos xerais.

ACCESO E RECLAMACIÓNS

OPE do Sergas o domingo en Silleda. XUNTA - Arquivo
OPE do Sergas o domingo en Silleda. XUNTA - Arquivo

Por parte da Administración sanitaria indícase que o modelo definitivo de respostas -con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do 15 de xullo para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, "unicamente de existir erros na confección aritmética da puntuación obtida".

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terminados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta