Temas: XUNTA PPDEG

Cargos do PP cren que Feijóo apostará pola continuidade no seu equipo de Goberno, mais non descartan algún "axuste"

Terá mes e medio para decidir se mantén o mesmo equipo na Xunta ou aproveita para algún cambio. Ethel Vázquez está "encantada" de facer o que lle "gusta", pero remítese á decisión do presidente: "Estarei onde me toque".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2020 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, terá mes e medio, ata que sexa investido mandatario por cuarta vez na Cámara galega e tome posesión do seu cargo, para decidir se opta pola continuidade no seu Executivo ou se aproveita para introducir algún cambio, xa sexa de carácter técnico ou de maior calado.

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, xunto a varios conselleiros e membros do partido na noite electoral
O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, xunto a varios conselleiros e membros do partido na noite electoral | Fonte: Europa Press

Feijóo revalidou con amplitude unha cuarta maioría absoluta --será o voto emigrante o que ratifique se queda en 41 ou en 42 escanos, xa que está un en liza na provincia de Pontevedra, agora mesmo en mans do PSOE-- que lle deixa as mans libres para configurar o novo Goberno unha vez que se constitúa a Cámara.

A sesión constitutiva do novo Parlamento terá lugar o 7 de agosto e a previsión coa que se traballa na contorna de Feijóo é a de acurtar os prazos ao máximo. Non en balde, un das mensaxes do candidato popular durante a campaña foi o que non se desviaría da xestión nin deixaría de traballar, aínda que en funcións, á fronte da Xunta.

Baixo esta premisa, a última semana de agosto aparece marcada en vermello no calendario, xa que é a primeira na que, axilizando todos os pasos previos, poderíase celebrar a investidura e toma de posesión do novo presidente. Se segue o guión de mandatos previos, a designación do seu novo Goberno efectuaríaa de inmediato, probablemente o mesmo domingo desa semana.

Antes, tras a constitución do Parlamento o día 7 de agosto, hai que seguir unha serie de pasos formais. E é que, aos 15 días como máximo, celebrarase a apertura solemne da Cámara. Entre tanto, tamén se teñen que constituír os grupos parlamentarios e hai de prazo dez días para as comisións da cámara.

Estes pasos formais sitúan o novo Goberno en plenitude de funcións en torno ao 31 de agosto e dan a Feijóo, amigo de medir os tempos e non acelerar ningunha decisión, un prazo de ao redor de mes e medio para determinar quen vai formar parte do seu novo equipo. Respecto diso, a maior parte de dirixentes do PPdeG consultados por Europa Press auguran que primará a continuidade.

"É o equipo que xestionou a pandemia e foi revalidado polas urnas", argumentou unha das fontes consultadas. Con todo, a opción de que aproveite para facer algún "axuste" tampouco está descartada e a maior parte de dirixentes veno máis que factible.

CONGRESO PENDENTE

Iso si, nun contexto no que o debate sucesorio está silenciado, calquera cambio de calado no Executivo podería dar algunha pista que o presidente galego aínda non desexa pór en primeiro plano. Máis aló, os seus defenden que Feijóo non está agora mesmo "pensando a nivel orgánico", senón que a súa prioridade --como dixo publicamente-- é enfrontar a pandemia e as súas consecuencias económicas e sociais.

Por este motivo, aínda que os populares galegos teñen pendente de celebrar un congreso, o previsible é que non se apuren a porlle data. Niso poderíase empezar a pensar xa no outono.

En canto ás cotas provinciais, despois duns comicios nos que Lugo, con Elena Candia á fronte das súas filas, e A Coruña, cos populares dirixidos por Diego Calvo, rexistran uns resultados moi destacables, as fontes consultadas entenden que a súa visión non cambiou: o dos Peares, que sempre rexeitou as cotas de plano, formará o seu Goberno "coas mans libres".

ETHEL VÁZQUEZ: "DECISIÓN DO PRESIDENTE"

Mentres Feijóo adopta a súa decisión, para o que ten marxe, empezaron xa as preguntas públicas aos conselleiros en relación á súa continuidade. Este martes tocou a quenda á responsable de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, quen destacou o "traballo intenso" realizado por este departamento do Goberno galego, pero recoñeceu que a súa continuidade á fronte do mesmo é unha "decisión do presidente".

Así o manifestou durante unha visita ás obras de mellora do Camiño Inglés ao seu paso polo Polígono de Tambre, en Santiago, onde os medios de comunicación preguntáronlle sobre se será ela mesma quen seguirá á fronte da Consellería.

"Esas son decisións do presidente. Eu estarei onde me toque", respondeu, para seguidamente defender o "moito" traballo realizado: "Fixémolo con ilusión, con ganas e antepondo sobre todo aos galegos primeiro".

"Por suposto, encantada de seguir traballando onde nos gusta. A min pídenme os alcaldes moitas cousas e eu son feliz licitando, adxudicando e facendo obras. Sobre todo porque é o que sabemos e o que nos ensinaron na escola, pero estarei onde toque e achegando onde poida achegar", finalizou.

Temas: XUNTA PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Xoelho

Por que os galegos hai tempo que deixaron de darlhe maioría ao PP nas outras eleicións, especialmente nas xerais, e nas autonómicas continúan a darlhe un_a disparatada maioría absoluta? Cal é a lóxica?

1 Pili

Ningunha

2 O Mango do Mal Menor

Pois porque o PSOE presentou a un chacaritas, o BNG ten un teito que de ahí non vai pasar e as Mareas marearon a todo quisqui.