O longo e difícil camiño de Martiño Noriega, Anova e as mareas municipalistas

O ex rexedor de Santiago anuncia que volverá á medicina. Deixa a política institucional, pero non a activa. "Cometemos moitos erros", sinala sobre o acontecido con En Marea e Galicia en Común pero ve futuro nas mareas municipalistas de Compostela Aberta e Marea Atlántica e de Anova, herdeira de Castelao e Bóveda.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 14/07/2020 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O exalcalde de Santiago e unha das referencias de Compostela Aberta e de Anova, Martiño Noriega, di adeus á política activa para continuar na medicina, unha profesión que retomou desde o inicio da crise do coronavirus e na que se centrará a partir de agora. Pero, por que dá este paso quen foi un dos grandes líderes do nacionalismo e dos espazos rupturistas, primeiro con AGE e logo con En Marea?.

Noriega e Beiras na conferencia política de ANOVA
Noriega e Beiras na conferencia política de ANOVA

Martiño dixo este martes que a decisión estaba tomada desde había meses. De feito, o xa ex alcalde de Santiago tiña previsto deixar a política institucional logo da derrota de Compostela Aberta nas municipais de maio do pasado ano pero foi adiando a decisión. Primeiro, para organizar a "transición" dentro do grupo de Compostela Aberta e, despois, para formar parte da lista de Galicia en Común-Anova-Mareas. 

Este martes anunciaba a súa marcha formal do concello en rolda de prensa. Abandona a política institucional, pero non a política activa. Faino co tamén edil de Compostela Aberta Rafael Pena, que, do mesmo xeito que o alcalde compostelán entre 2015 e 2019, tamén deixa a súa acta na corporación santiaguesa para centrarse na súa tarefa profesional no aeroporto de Santiago, onde exerce como delegado da CIG. Os seus postos no Pazo de Raxoi serán ocupados polos exconcelleiros Xan Duro e María Rozas que están chamados a ocupar postos importantes no grupo municipal, especialmente, o primeiro.

ESFARELAMENTO DE GALICIA EN COMÚN

Pero a súa marcha prodúcese dous días despois do esfarelamento de Galicia en Común-Anova-Mareas, un desastre electoral que non ten precedentes na historia recente da política galega. Por iso, Martiño, que leva na política desde a universidade tivo que recoñecer o obvio e o que moita xente xa sabía; os erros e as divisións páganse moi caras en política. Tamén saber marchar a tempo, aínda que sexa logo de tal batacazo.

Martiño Noriega nun acto de Compostela Aberta
Martiño Noriega nun acto de Compostela Aberta | Fonte: CA

"Durante estes anos cometemos moitos erros. Non estivemos á altura do apoio da xente", apuntou a preguntas dos xornalistas sobre cales cre que foron as claves para o desastre dun espazo político que, tras ser segunda forza en 2016 baixo a marca En Marea, obtivo 220.000 votos menos o pasado domingo como a coalición Galicia En Común-Anova Mareas.

Noriega, número tres da lista coruñesa, considera que "as pelexas internas" a nivel galego lastráronos e "pasou unha factura máis elevada" do que, di, "merecía" o espazo. "Diso toca aprender", engadiu o referente de Anova.

BNG

Agora ben, Noriega tamén está convencido que esa unión do nacionalismo con forzas estatais como EU, primeiro en AGE, e con EU e Podemos en En Marea despois, serviu nun momento determinado da historia política de Galicia. "Impugnou o estado das cousas" e "mesmo obrigou a modular" tanto "parte do discurso" como "posicións" ao Bloque, formación na que militaba Noriega ata 2012 e coa que chegou a ser electo en dúas ocasións como alcalde de Teo.

Precisamente, Noriega, un dos grandes impulsores xunto con Beiras e Antón Sánchez de Anova --herdeiro do Encontro Irmandiño-- cre que esta formación conseguiu influir de certo xeito na ortodoxia que a UPG aplicaba dentro do BNG. Así, e tras felicitar ao BNG polo seu resultado do pasado domingo que os levantou a segunda forza parlamentaria con 19 deputados, asegura que "a apertura social" e o entendemento de Galicia como unha "sociedade complexa" non existía nos seus anos de militancia na formación frontista. Algo, que, con todo, comezou a practicar Anxo Quintana durante o bipartito, cando aínda Noriega era militante desta formación.

ANOVA, BÓVEDA E CASTELAO

Por iso, non se arrepinte e amosase orgulloso de axudar a construír Anova, unha organización que, nas súas propias palabras, "non foi incoherente" ao longo destes anos e cuxa influencia sobre o nacionalismo galego comparou coa que exerceron no seu día figuras como Alexandre Bóveda e Castelao.

E, a pesar do batacazo electoral do pasado domingo, xa dá pistas sobre o futuro de Anova, integrada por xente procedente do BNG e da FPG --antigua escisión da UPG--. "Eu vou estar sempre con Beiras e co mellor deputado que tivo o Parlamento nos últimos anos", dixo en referencia ao portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.

MAREAS

Precisamente, o futuro de Martiño Noriega seguirá ligado a Anova e ás mareas municipalistas. Non tanto a un espazo común con Podemos e Esquerda Unida. Ou así se desprende das súas palabras. "No seu momento Anova e Compostela Aberta decidiron apostar por confluír con Galicia en Común para non fragmentar o espazo electoral á esquerda de PSOE e BNG. Foi un mandato que cumprimos, renunciando a posturas persoais e políticas porque entendiamos que o cambio só ía ser a tres ou non sería", dixo.

Con todo, si foi máis conciso sobre o futuro das mareas municipalistas e dixo claramente que o percorrido de Compostela Aberta e Marea Atlántica "non está pechado". "Compostela Aberta ten un percorrido importantísimo no próximos tres anos", incidiu Noriega, que se despide da corporación santiaguesa con "a honra" de ser alcalde da capital de Galicia "e de desafiar as leis da gravidade".

E, quizais, nesa posibilidade de recuperar un espazo de cambio navega Martiño  para quen "non sempre gaña Goliat, ás veces gaña David". "Agora vou facer política aínda que lonxe das institucións, ás que non descarto volver. As portas sempre quedan abertas", suliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 coronel Kurtz o horror

Un mártir.... un santo.... un-ha vitima inocente da fame e da miseria... o golfiño merendiño foi peza fundamental nos designeos mitomaniacos do inonmeable, pero xa saben si o de edan moi avanzada e case matusalenica, comenzou sendo un transfuga político para despois reclamarse da nova política e do rupturismo, escomenzou no nacionalismo e rematou afundindose na lama das expañas podreiras... que queren que lles diga tempo perdido, os seus cidadans xa o xulgaron políticamente nas municipais, estivo resistindo por si se podía salvar algo e podía continuar polas poltronas municipalistas, pero mirade, foi ser que non que o afundimento da coaligación tan buscada polo innomeable resultou ter uns resultados catastróficos, nen andar polos gobernos dos mandriles os salvou do desastre... pero viran mais... viran mais... xa podemos decir que a marea aberrante rematou do xeito mais miserabel... e non o digo por estes senon polo outro TOMA GUACHO!!!! TOMA PANCHO!!!!