Continúa o seguemento a catro positivos dunha familia en Betanzos

"O caso de Betanzos xurdiu por unha persoa que se fixo o estudo e tres positivos que saíron hoxe son do seu ámbito familiar", declarou o conselleiro de Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a través do sistema de vixilancia epidemiolóxica, segue cos estudos de contactos tras detectarse catro positivos dunha familia en Betanzos, así como con outros de dúas persoas que chegaron en medios de transporte público a Vigo.

Así o manifestou, a preguntas dos medios, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, en relación a casos de persoas chegadas de fóra da comunidade. "O fundamental é collelos rapidamente", subliñou, para indicar que "a incidencia maior adoita ser por casos importados".

"Mentres non teñamos vacúa imos ter casos que poden asociarse e formar brotes", asegurou Almuiña, quen incidiu en que "o fundamental é collelos rapidamente".

Por iso, resaltou que resulta "moi importante" que "calquera que chegue a Galicia" desde outra comunidade ou país, que se poña en contacto co Sergas a través do teléfono 881 00 20 21 se non ten un médico de cabeceira, "teña síntomas ou non" de COVID-19. "O fundamental é que non hai un caso ou outro, senón que non somen", destacou.

No caso concreto de Betanzos, o titular de Sanidade explicou que "hai catro casos familiares e outros dous que non son dese vínculo", polo que, puntualizou, "faise o estudo de contactos como sempre". "O caso de Betanzos xurdiu por unha persoa que se fixo o estudo e tres positivos que saíron hoxe son do seu ámbito familiar", engadiu.

En relación a estes, fontes consultadas apuntaron que algúns deses casos, convivientes, positivos ten relación estreita con outras dúas persoas procedentes de Lleida, onde se rexistra un brote. Xa foron testados e están á espera de resultados.

SEGUIMENTO

Almuiña insistiu na importancia de comunicar ao Sergas a chegada á comunidade desde fóra e explicou que ás foráneas asignaráselles " un médico", faráselle o cuestionario oportuno e indicaráselle as probas correspondentes en caso de ser necesario. Ademais, pediu aos cidadáns galegos que regresen a Galicia desde outros lugares "que se poñan en contacto" co seu médico.

Almuiña sinalou que en Galicia hai 238 casos activos de COVID, sete menos que este martes, dos cales un corresponde a un paciente ingresado na UCI en Vigo e seis noutras unidades de hospitalización, o que supón os mesmos hospitalizados que a xornada pasada. Ata a data curáronse 10.979 persoas, 14 máis.

Rolda de prensa da Consellería de Sanidade.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press
Rolda de prensa da Consellería de Sanidade.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta