Por Europa Press / Redacción | Madrid | 15/07/2020 | Actualizada ás 19:47
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Goberno que se comprometa a nacionalizar Alcoa San Cibrao e a fábrica de Alu Ibérica da Coruña.
Durante o debate dos decretos lei sobre medidas laborais e sobre impulso económico no Congreso, o deputado do Bloque interpelou directamente á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para que aclare se está disposta á intervención da planta.
"Ten ou non a vontade política que vostede dicía, antes de ser ministra, que era o único que facía falta para nacionalizar Alcoa? Convén que o aclarasen, porque é o que están a esperar os traballadores", dixo Rego.
Así mesmo, o deputado nacionalista sinalou que considera inaceptable que o Goberno siga mantendo a reforma laboral, xa que supón facilitar que os actuais ERTE acaben converténdose en despedimentos e empeorar as prestacións.
QUEIXAS POLA REPARTICIÓN DE FONDOS COVID
Así mesmo, o deputado nacionalista criticou os criterios de repartición do fondo COVID de 16.000 millóns de euros por prexudicar "gravemente" a Galicia ao non ter en conta criterios esenciais como a dispersión poboacional, o envellecemento ou o índice de dependencia.
Durante o debate do decreto, varios grupos coincidiron en que a repartición do fondo COVID é "insuficiente" para algunhas comunidades autónomas. Foi o caso, por exemplo, de Foro Asturias, BNG e o PRC, que consideran que o diñeiro destinado a estas rexións non é o adecuado respecto dos criterios establecidos.
Segundo denunciaron estas formacións, co fondo "non se atenderon" as demandas destes territorios para paliar os efectos sociais, económicos e sanitarios que provocou a pandemia do coronavirus.
"Neste decreto, o Goberno volve ignorar a realidade diversa e plurinacional de España", subliñou o deputado do BNG, Néstor Rego. En parecidos termos expresouse o parlamentario do PRC, que recriminou ao Executivo que teña máis peso o criterio poboacional que a dispersión poboacional
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.