O'Mega acusa a Feijóo de non cumprir as promesas que lles fixo hai 12 anos durante a folga co bipartito

Este sindicato agardou a despois das eleccións para pedirlle que "restitúa os dereitos confiscados" a facultativos pola crise do 2008 e advirte que "se non se actúa con prontitude e cautela, as consecuencias serán máis graves"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O sindicato médico O'Mega reclama ao presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, que "cumpra as súas promesas desde hai máis de 12 anos" e "restitúa os dereitos confiscados" ao persoal facultativo entón e engade as "medidas económicas, laborais e sanitarias que a actualidade impón".

Así llo trasladou esta central sindical nun escrito entregado por rexistro a Feijóo este mércores, na que se lle lembra ao mandatario autonómico en funcións o que "aconteceu na súa primeira vitoria electoral fai xa máis de 12 anos, en circunstancias similares ás de hoxe". Así, relata este sindicato que en 2009 Feijóo "púxose en contacto" co presidente de O'Mega "debido a unha dura folga co bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño". "Vostede prometeu se gañaba que cumpriría co slogan --'A igual traballo, igual salario'-- e abriría unha vía de negociación", destacan.

"Vostede gañou e tomou posesión o 18 de abril de 2009. E chamoume e dixo que non podía cumprir a súa promesa, pero faríao axiña tan pronto como a situación económica o permitira", indicou o presidente de O'Mega. Así, subliña que "xa é hora de cumprir as súas promesas porque 12 anos son moitos e os facultativos galegos se meren o respecto que se gañaron coa súa paciencia e, agora máis que nunca, co seu bo facer durante esta pandemia que vai perdurar por moito tempo".

Neste sentido, O'Mega reivindica que as propostas "son de sentido común". "O colectivo de facultativos sanitarios de Galicia ve como as protestas que se están levando a cabo por toda España, van conseguindo avances laborais", afirma, para sinalar que nalgunhas autonomías, como Andalucía, "están a adiantarse a esas protestas e ofertan os mesmo que vostede prometeu hai 12 anos, engadindo algunhas melloras máis", resalta esta central sindical.

Para O'Mega "a situación laboral non admite máis esperas" e avisa de que "se non se actúa con prontitude e cautela, as consecuencias serán máis graves" e "esa gravidade será evidenciada por toda a poboación con consecuencias que, nestes momentos, son difíciles de calcular", advirte.

Por iso, para este sindicato nestes momentos cumprir as promesas "obriga a restituír todos os dereitos confiscados durante a crise e engadir as medidas económicas, laborais e sanitarias que a actualidade impón", reivindicados en diversos escritos anteriores enviados, lembra, tanto ao presidente galego como á Consellería de Sanidade.

Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19
Sanitarios, médicos, enfermeiras e auxiliares están na primeira liña de loita contra o coronavirus Covid-19 | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

CESM e Omega sindicatos do PP. Piden despois das eleccións. Non valen para nada. Representan ao PP