A revista Cativa, unha iniciativa feminista que botou a andar no medio da pandemia

Tres alumnas de Xornalismo veñen de dar o paso cunha publicación reivindicativa e inqueda: "non dubidamos en escribir sobre outro tema", aseguran.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

A Tania Forja, Sara García e Uxía Pérez colleunas a pandemia no proceso de botar a andar a súa primeira publicación. "Tiñamos pensado facer moitas cousas que non se puideron levar a cabo", lamenta Uxía, apenas semanas despois de dar por rematado un proxecto que, recoñecen, supuxo un traballo enorme ao longo dos últimos meses.

Revista Cativa
Revista Cativa | Fonte: RRSS

A mala sorte quixo que as creadoras e directoras de revista Cativa quedaran confinadas en provincias distintas. "Eu son de Noia, Tania de Guitiriz e Sara de Burela", apunta Uxía, que non oculta as dificultades atravesas para botar adiante unha publicación que, á parte dun proxecto persoal, presentaron esta semana como traballo de fin de grao. "Ao estar separadas e ter que 'teletraballar' o contacto coas fontes dificultouse moito", recorda Tania Forja.

Estas tres amigas, estudantes do grao de Xornalismo da USC, comezaron a madurar a posibilidade de botar adiante unha publicación xa ao longo do curso pasado. A temática feminista, din, "saíu soa". "Xa nin dubidamos en facela sobre outro tema", apunta Sara García, en liña co sostido pola súa compañeira Uxía: "é un tema que nos une".

As dificultades propias de sacar adiante unha publicación primeiriza, recoñecen, víronse "magnificadas" polas circunstancias da pandemia; uns obstáculos, con todo, que hoxe consideran que as fixeron progresar. "Ao final facer o contido da revista foi o menor dos traballos: houbo que deseñala, levar a web, as redes sociais...", destaca Uxía. "Sempre se soe dicir que un aprende a traballar en equipo, pero neste caso foi así, porque se xa é difícil en circunstancias normais moito máis baixo a pandemia", apunta Tania. "Aprendemos moitas cousas sobre a profesión, pero tamén sobre nós mesmas e en que ámbitos non manexamos mellor".

O nome da revista, apunta Tania, forma parte deste alegato feminista que percorre cada unha das cen páxinas do número inicial, que vén de ser publicado na rede sen custo algún. "Escollemmos chamala 'cativa' para darlle a volta ó significado da palabra, que é empregada no sentido de 'pequena', algo ruín ou malo, pero tamén unha rapaza. Pareceunos interesante traballar sobre esa variedade de significados e facer bandeira do que outros empregan para desmerecernos". Logo do intenso traballo, as directoras da revista non descartan unha continuación pero, apuntan, terá que agardar como mínimo ó outono: "agora toca desfrutar do verán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta