Temas: PP PSOE LAZA

O alcalde socialista de Laza renuncia ao cargo pola "pinza obstructiva" de PP e Xuntos

Jesús Blanco dará conta da súa decisión nun pleno extraordinario que terá lugar o próximo día 21 ás 13,30 horas.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 16/07/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O alcalde de Laza, o socialista Jesús Blanco, presentou por escrito a súa renuncia formal ao cargo ante o que considera unha "pinza obstructiva" por parte dos seus antigos socios de goberno, Xuntos por Laza, e o Partido Popular.

Jesús Blanco.
Jesús Blanco.

En concreto, o Partido Socialista obtivo nas pasada eleccións municipais de maio de 2019 tres concelleiros e chegou a un acordo de goberno, agora roto, con Xuntos por Laza, formación que se fixo con dous edís. Pola súa banda, o PP foi a lista máis votada e conseguiu catro concelleiros.

Precisamente, este xoves, o PSOE de Ourense deu conta da decisión do rexedor de "dar un paso á beira" polo "ben de Laza" e dos seus veciños ante o que considera unha "pinza obstructiva creada polos populares e as mareas para botar abaixo todas as actividades e propostas de progreso que pretendían levar a cabo os socialistas no municipio".

O ata agora rexedor puxo como exemplo o pleno do 9 de xaneiro, no que os representantes de Xuntos por Laza votaron xunto co PP dúas urxencias en senllas mocións que "non eran", unha "maridaxe" que, segundo denunciou, "culminaron co rexeitamento dos orzamentos".

Os socialistas acusaron o presidente do PP provincial, Manuel Baltar, de estar detrás "desta nova artimaña política" para "comprar votantes" e "manter o seu sistema caciquil e clientelar".

Ademais, Jesús Blanco critica que Xuntos por Laza aproveite as siglas de En Marea, "a priori de esquerdas", para "coar a súa candidatura ás eleccións municipais e enganar os veciños" cunha ideoloxía da que, segundo apuntou, "quedou constancia que non é real" ante o "achegamento entre esta formación política e o PP".

Ante esta situación, o alcalde deu conta ao secretario para a convocatoria dun pleno extraordinario o vindeiro martes, día 21 de xullo, ás 13,30 horas no que o único punto da orde do día será o de abordar a súa renuncia á Alcaldía.

Temas: PP PSOE LAZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta