“Unha das tarefas da MIT é axudar á internacionalización”, Roberto Pascual, Director Artístico

Ribadavia é a capital internacional do teatro do 17 ao 27 de xullo coa celebración da 36ª edición da Mostra Internacional de Teatro. Un evento que cementa o seu prestixio ano tras ano apostando pola innovación, a calidade das propostas artísticas e a paixón polas artes escénicas. Falamos co seu Director.

Por X.M. Fernández | Ribadavia | 18/07/2020 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A edición da MIT deste ano ten por lema A ceo aberto, “un lema que reflicte o momento, a necesidade de recuperación, o desexo, a ilusión e o reforzo da comunidade”, comenta Roberto Pascual, Director Artístico da mostra.

Roberto Pascual, Director Artístico da MIT de Ribadavia. Foto cedida, R.P.
Roberto Pascual, Director Artístico da MIT de Ribadavia. Foto cedida, R.P.

A redución das propostas internacionais que se advirte este ano provocou que se optase por acoller e reforzar espectáculos e compañías galegas que viron canceladas ou aprazadas estreas. Neste senso, e por apoiar tamén a outro sector en situación crítica, a mostra deste ano poñerá o foco na danza e contará coa presenza da Compañía Nova Galega de Danza.

Todos os espectáculos realizaranse en espazos abertos e baixo as responsables medidas de prevención que ditan as autoridades sanitarias, un valor a engadir á calidade do completo programa de actividades e producións artísticas das que se poderán gozar en diferentes escenarios de Ribadavia como: a Alameda, o Auditorio “Rubén García” do Castelo, a Praza da Igrexa de San Xoán ou a Praza da Madalena. Falamos con Roberto Pascual, Director Artístico da MIT.

Das 36 edicións da MIT cantas levas ti como director? 

Levo once.

Cantas persoas formades parte do equipo de traballo para a selección de propostas escénicas e para o deseño da programación? 

Espectáculo 'Rebota, rebota y en tu cara explota'. Foto: Dossier prensa MIT
Espectáculo 'Rebota, rebota y en tu cara explota'. Foto: Dossier prensa MIT

No deseño da programación eu só, como é o habitual na maioría dos festivais de teatro (Olivier Py en Avignon, Ignacio García en Almagro, etc. Tamén as hai colexiadas, como Miguel Oyarzun e Isla Aguilar no FIT de Cádiz, pero iso é máis minoritario). Logo está o equipo de traballo en produción, comunicación, venda de entradas, etc. Pero a Dirección Artística, que é o que marca a identidade e singularidade dun festival, a súa personalidade, non só na escolla de propostas senón no seu discurso estético e social, nas actividades, nas escollas e posicionamentos diversos a nivel artístico, coido que debe ser responsabilidade curatorial concreta e perceptible. 

Os proxectos culturais necesitan planificacións a medio e longo prazo.

Un traballo que empezará o día seguinte ao remate de cada MIT, verdade?

En realidade non acaba nunca. Conectando coa pregunta anterior, dirixir un festival non é nin moito menos escoller espectáculos. Arredor dun festival hai un pensamento, o deseño duns obxectivos, a planificación dunha estratexia de dinámicas artísticas e sociais, a relación da arte co ámbito educativo, a relación co patrimonio, co contexto, as posibilidades de transformación da arte, etc. Eu nunca deixo de traballar no festival, porque o meu traballo, o lugar que habito é o teatro en varios ámbitos, como profesor, como director artístico, como creador e como investigador. Hai proxectos que planificas para dentro duns anos, artistas que coñeces dende hai tempo e que che gustaría convidar, pero ao mellor non se pode concretar ata pasados algún anos. Os proxectos culturais necesitan planificacións a medio e longo prazo. Para que se consoliden iniciativas, para que se visibilice o sentido dun programa, as liñas xerais dunha programación pensada, as tendencias habituais e o estilo dun festival, ten que pasar tempo, para que o público o faga visible e as accións sexan pertinentes. 

Como facedes para a escolla de propostas alén dos nosos marcos, a nivel nacional e internacional? 

Eu, ademais de Director dun festival, son profesor de Arte Dramática, colaboro en diferentes organismos escénicos fóra de Galicia, son convidado a dar conferencias en universidades ou centros artísticos, estou en contacto coa realidade escénica europea e latinoamericana de xeito habitual. Intento abrir o foco cada vez máis alá da ollada occidental e da supremacía cultural ou do concepto de valor cultural que establecemos en Europa, falo con outros directores cos que teño moita afinidade artística coma Gonçalo Amorim do Fitei de Porto, Francesc Casadesús do Grec de Barcelona, Salvador Sunyer do Temporada Alta… Ao longo destes anos vas adquirindo recursos lóxicos dun exercicio profesional tan conectado coma o que eu teño o privilexio de ter. Coido que devolvelo coa ambición que necesita ter un festival capital coma o de Ribadavia é o mínimo que podo facer.

Ao longo destes anos vas adquirindo recursos lóxicos dun exercicio profesional tan conectado coma o que eu teño o privilexio de ter.

Este ano, coa Covid19 polo medio, valorouse a cancelación? Desbotada esta opción, tivestes que 'mudar ou redeseñar' moito a programación?

Valoráronse moitos escenarios, entre eles a cancelación, que era o peor deles. Logo, co peche de fronteiras e o confinamento a  diferente ritmo noutros países, houbo que pensar en aprazar proxectos en marcha con Chile, México, Bélxica, etc. Aí optamos por reforzar e acoller os espectáculos e compañías nosas que viron canceladas ou aprazadas estreas e poñer o foco nun dos ámbitos que máis sufriu nestes tempos, que é a danza en Galicia. Sen políticas públicas que a potencien, con desleixo en canto ao papel que podería exercer un organismo coma o Centro Coreográfico… Na MIT acompañamos a través de coproducións a moitas compañías dende hai tempo ou de retrospectivas, iso é o que reforzamos nun contexto coma este onde consideramos que recuperar e relanzar era fundamental. Unha das tarefas da MIT é axudar á internacionalización do noso sector con máis potencialidades, crises son oportunidades e esta pandemia sinálanos que ese é un dos nosos camiños estratéxicos, seguir centrando esforzos para darnos a coñecer fóra e ter un papel central para o conxunto do noso teatro. 

Unha das tarefas da MIT é axudar á internacionalización do noso sector con máis potencialidades, crises son oportunidades. 

"A ceo aberto", lema moi ben traído para esta MIT. A maioría dos espectáculos serán en espazos abertos? Encarece o evento producir nestas condicións?

Son todos en espazos abertos. Xa o eran moitos, sobre todo o principal, o do Castelo. Iso condiciona e encarece, pero fai do festival un lugar excepcional que pon en valor a beleza e o patrimonio de Ribadavia. O que hai que engadir esta edición son os custes derivados do plan de continxencia que tivemos que deseñar e das medidas de seguridade e hixiene, así como a redución dos aforos. Pero ante a posibilidade non dubidamos en levalo adiante ata onde cheguen os recursos, pois o que o festival nos devolve en todos os ámbitos é moito máis ca o que custa levalo a cabo.

Menos propostas forasteiras este ano? Cales destacarías especialmente da programación deste ano?

Simbolicamente, unha recolle moitas nacionalidades. Nicanor de Elia, con Copyleft, coreógrafo arxentino residente en Francia, conta no elenco con artistas de diferentes nacionalidades. Pero eu destacaría a ollada sobre as terras mapuches que nos ofrece Azkona & Toloza en Tierras del Sud, na liña do teatro documento que tanto percorrido está a ter e tivo na MIT e sobre o que haberá un foro específico no cal se presentará a edición do texto Resaca, o que foi o último espectáculo da compañía Il Maquinario e que mesturaba elementos da realidade e da ficción nesa mesma liña do documento e da creación contemporánea. 

Seguimos sendo un referente internacional da man de moitos dos artistas que levan a nosa lingua polo mundo, coma Quico Cadaval, Paula Carballeira, Celso Sanmartín, Isabel Risco, etc. 

Na edición deste ano poñedes un foco importante na narración oral. A situación actual préstase máis a este formato ou é un recoñecemento a algúns dos grandes narradores que temos? 

Seguimos sendo un referente internacional da man de moitos dos artistas que levan a nosa lingua polo mundo, coma Quico Cadaval, Paula Carballeira, Celso Sanmartín, Isabel Risco, etc. Querer situarse no panorama internacional pasa por recoñecer a cultura propia, por (auto)prestixiar, por considerar a convivencia na diversidade, tamén de xéneros escénicos como levamos feito co novo circo ou coa propia narración oral, pero sobre todo, por poñer en valor a creación do presente, as autoras e autores que son os que crean o relato do presente e a conexión coa xente a través da creación contemporánea, aínda ben bebendo da tradición nalgúns casos. 

Entre as actividades parelelas deste ano destaca o concurso "A miña primeira MIT". Explícanos brevemente en que consiste.

Non queremos esquecer a importancia do público e contar con todos e todas, sobre todo con aqueles sectores que ás veces quedan nas marxes ou escasamente van ao teatro. Que o público sexa protagonista das experiencias, que se sinta escoitado, que participe activamente é un obxectivo constante da MIT. Este concurso que poñemos en marcha esta edición é para público adolescente e retámolos a que escriban un relato sobre algo que viron na MIT, que nos conten a súa recepción e que o fagan abertamente. Queremos escoitar o moito que nos ten que contar o público adolescente, a súa ollada, a súa perspectiva. E iso ademais, significa poñer en valor o seu punto de vista cunha publicación, premios en metálico e outros agasallos.  

Queremos escoitar o moito que nos ten que contar o público adolescente, a súa ollada, a súa perspectiva.

Para rematar, algunha recomendación especial, desas de non perder a oportunidade? 

A MIT sempre procura descubrirnos algunha xoia desas que andan no circuíto dos Mestres do teatro ou daqueles ámbitos máis alternativos e que dan a campanada. Nesta edición eu diríalle ao público que non perda a oportunidade de ver Rebota rebota y en tu cara explota, a estrea en Galicia dun espectáculo contundente, recoñecido, necesario, sen fisuras nin pelos na lingua. Pero tamén destacaría a oportunidade do contexto, pois seguramente sexa difícil de superar o feito de ver Leira, de Nova Galega de Danza con Rosa Cedrón en directo nun lugar tan máxico coma o Castelo dos Sarmiento ou a miniretrospectiva que facemos a Pablo Remón con dúas obras da súa autoría, un dos directores e dramaturgos que xa está dicindo moito e moito máis dirá no panorama teatral español e ao que non convén perderlle a pista.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta