Antón Beiras, un médico, científico e galeguista optimista

O profesor Ricardo Gurriarán é o autor dunha documentadísima obra publicada polo Servizo de Publicacións da USC co título “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)”. Un período de esplendor que se corresponde coa conversión das obsoletas estruturas dunha moderna universidade, debido fundamental a varias razóns; unha delas foi a aterraxe en Compostela de profesorado innovador. Martín Sauras, Calvet, Parga Pondal, Charro,Montequi...serían os principais nomes, que tiñan ao seu fronte ao reitor Rodriguez Cadarso. A moitos deles coñeceunos Antón Beiras sendo alumno da Facultade de Medicina.

Por Xosé Glez. | Redondela | 23/02/2013

Comparte esta noticia
Rematada a carreira escolle a especialización de oftalmoloxía e abre consulta en Vigo, na rúa Policarpo Sanz núm. 22, porta con porta co despacho de Valentín Paz Andrade. Pola volta dos anos 60 Antón Beiras participa no seminario dedicado aos oftalmólogos de Galicia dirixido polo profesor Sánchez Salorio desde a  súa Cátedra  de Oftalmoloxía da USC. Ambos os dous organizan o ano 63 o Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía na Toxa. 
 
“Antón Beiras foi o primeiro galeguista optimista que eu coñecín”, dixo  o profesor Sánchez Salorio nun traballo publicado no libro “Antón Beiras.La mirada certera.Historia del Vigoscopio”, de Alejandro Otero, un  dos seus máis estreitos colaboradores na creación daquel instrumento tecnolóxico revolucionario no seu tempo que permitiu corrixir o estravismo. O ollo virollo tiña amaño grazas  ás súas investigacións. Outros aparellos construídos baixo a súa dirección e polos seus colaboradores, foron o alternoobturador, o quinepleoscopio, a estimulación muscular por radio frecuencia, os prismas hidroelásticos de variación automática...
 
O galeguismo de Antón Beiras víñalle de vello, pois na súa mocidade pertencera aos “Ultreia”, unha agrupación xuvenil creada por Álvaro das Casas. Daquelas ensinanzas quedaron o seu amor pola nosa lingua, que consideraba apta para os traballos científicos. “Coido eu que os homes de ciencia, e concretamente os médicos, poden tratar de honrar a propia fala, escribindo nela as súas observacións e experimentos aínda que sexan modestas...Mais aínda: deben tratar de expresarse na propia fala e isto como consecuencia dunha intención, que é a de identificarse e chegar ao pobo ao que pertencen, sen renunciar, todo o contrario, ao senso universal da ciencia”, afirmaba nun artigo publicado na revista “Referata”.
 
A Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra convocan en Vigo, o próximo día 2,  unha homenaxe ao doutor Antón Beiras pola súa sabedoría científica e galeguismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA