Cae o turismo urbano en Galicia e sobe o de praia e zonas de interior por mor do coronavirus

O conselleiro de Cultura e Turismo indicou que o sector ten a esperanza de que as taxas de ocupación vaian mellorando, mais é "difícil fixar datos concretos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, apuntou este luns, 20 de xullo, que o sector hostaleiro galego está a rexistrar este verán "unha dualidade" de resultados, con boas cifras en litoral, praias e interior e "certa debilidade" en turismo urbano.

Varias persoas protexidas con máscaras nunha praia na Mariña.. Carlos Castro - Europa Press
Varias persoas protexidas con máscaras nunha praia na Mariña.. Carlos Castro - Europa Press

A preguntas dos medios de comunicación, Román Rodríguez explicou que o sector está a rexistrar un número aceptable de reservas, aínda que se trata de algo "moi volatil" que, este ano máis mesmo que os anteriores, estará afectado as reservas de última hora.

"O sector ten a esperanza de que o mes de agosto vaia progresivamente mellorando as taxas de ocupación", dixo o conselleiro, para quen é "difícil fixar datos concretos" na situación actual.

A nivel xeral, explicou, "hai unha dualidade" na comunidade, cun turismo litoral e de áreas de interior que "está a ter uns resultados máis positivos". "Onde atopamos máis carencias é en turismo urbano", destacou.

A Xunta, garantiu o conselleiro, está a traballar, "en colaboración co sector", para implantar protocolos e medidas que fagan de Galicia "un destino seguro", tanto para os profesionais como para os turistas.

Aínda que mostrou a súa confianza en que os datos vaian mellorando, o conselleiro chamou a ter "moitísima prudencia" e "precaución" para evitar os problemas derivados do coronavirus e fixo un chamamento á "responsabilidade individual" dos visitantes para cumprir as medidas e recomendacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta