O Supremo confirma a condena do TSXG contra Médicos Sen Fronteiras por cláusulas abusivas aos captadores de socios

Os maxistrados ven probado que a propia empresa era coñecedora de que os obxectivos do contrato eran "imposibles" de cumprir.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/07/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A Sala do Social do Tribunal Supremo confirmou a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra Médicos sen Fronteiras por incluír cláusulas abusivas nos contratos dos seus captadores de socios.

Protesta da CNT contra Médicos sen Fronteiras en Santiago.
Protesta da CNT contra Médicos sen Fronteiras en Santiago.

Segundo informa o alto tribunal este luns, o Supremo desestima nun fallo emitido o pasado 3 de xullo o recurso presentado pola ONG contra a sentenza do TSXG do 18 de xullo de 2018 na que foi anulada a clásula impugnada polo sindicato CNT que establecía un obxectivo mínimo que os tribunais consideran "abusivo" e "imposible" de cumprir.

Cada traballador de Médicos Sen Fronteiras contratado para 20 horas semanas estaba obrigado a realizar un mínimo de seis socios por semana cunha cota media de 115 euros cada un. Uns obxectivos que, como sinala o Supremo no seu fallo, podían ser causa de extinción do contrato no caso de que o empregado non os alcanzase.

Para os maxistrados, o feito de que a empresa reservase a opción de substituír a extinción do contrato por outras "fórmulas disciplinarias" --como multas, amoestacións escritas ou supensión de emprego e soldo-- evidencia que Médicos Sen Fronteiras era consciente de que "os obxectivos propostos non son razoables pola práctica imposibilidade de alcanzalos".

Os xuíces apuntan na sentenza que no ano 2016 só un 11 por cento dos captadores de socios de Médicos Sen Fronteiras en Galicia poderían cumprir coa clásula agora anulada, outro dato sobre o que sustentan a decisión de considerar que as condicións eran "de imposible cumprimento".

"É patente que os obxectivos, establecidos na cláusula impugnada, son abusivos por irrazonables e de imposible consecución", recolle a sentenza, na que lembran que a cláusula "foi imposta unilateralmente" pola empresa, que "se reservou a posibilidade de modificar os obxectivos en calquera momento" e aplicábaa homoxeneamente a todos os seus empregados aínda que estes non prestasen o servizo nas mesmas condicións.

Así mesmo, o Supremo tamén censura que dita clásula "mestura sen distinguir" artigos do Estatuto dos Traballadores e "non se axuste aos criterios esixidos pola xurisprudencia".

"Quedou sobradamente probado que a cláusula controvertida constitúe unha cláusula tipo, imposta pola empresa a todos os contratos de traballo no ámbito do conflito, sen que caiba admitir de ningunha das maneiras que a mesma foi convida libremente cos traballadores", resumen os maxistrados no seu fallo no que reafirma a decisión tomada hai dous anos polo Alto Tribunal galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta