'María Solinha', un filme en galego premiado no 66º Festival de Cinema de Taormina, en Sicilia

Logrou o máximo galardón na sección 'Indieuropea'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/07/2020 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

A película 'María Solinha', dirixida polo galego Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes e a Televisión de Galicia (TVG), logrou o máximo galardón na sección 'Indieuropea' da 66ª edición do Festival de Cinema de Taormina, municipio da illa italiana de Sicilia.

Película 'María Solinha', dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes e a TVG.. TVG - Arquivo
Película 'María Solinha', dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes e a TVG.. TVG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Segundo informa a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), o novo filme de Vilar, orixinal de Petín (Ourense), competía polo premio con outras once longametraxes de Francia, Polonia, Irlanda, Turquía, Grecia, Reino Unido, Rusia, Italia e Bulgaria.

De feito, é o primeiro premio internacional que alcanza este filme que leva á gran pantalla a lenda de María Soliña, personaxe histórico de Cangas do Morrazo. Ademais, destaca a CRTVG, a súa estrea é un feito "inédito" debido a que, como consecuencia das restricións pola pandemia da COVID-19, produciuse en localidades medianas e pequenas, en formato de cinema na rúa e 'autocine', no canto de en grandes salas de cinema.

En Taormina, festival que se celebrou ata este domingo en formato 'en liña' debido á crise sanitaria, a longametraxe foi proxectada en galego con subtítulos en italiano.

A película conta como un afamado director chega a Cangas do Morrazo para reconstruír en teatro a historia de María Soliña, acusada de bruxaría e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista de 'María Solinha' é unha moza que en pleno século XXI sofre os ecos da agresión que sufriu a insigne figura canguesa no seu tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta