A importancia simbólica do voto emigrante: de Fraga a Beiras e de Feijóo a Pontón

As eleccións do 2020 teñen moito que ver coas de 1997. Entón Fraga acadou marcas históricas fronte a outro resultado histórico do BNG. E, como nestes comicios, o voto emigrante foi decisivo para establecer marcas electorais.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Galicia emigrante, esa que está pero non está, ten marcado a historia recente da política electoral, para ben e para mal, cos seus defectos e as súas riquezas. O voto dun emigrante que nunca pisou Galicia conta o mesmo que o dun galego que leva aquí toda a vida. E tamén conta o mesmo que o que vive aquí e non exerce o seu dereito ao voto ou o exerce porque alguén vota por el ou o leva a votar coa papeleta na man.

Ana Pontón e Feijóo nun acto na Cámara galega
Ana Pontón e Feijóo nun acto na Cámara galega | Fonte: EFE

Que o voto emigrante teña decidido a política galega durante anos non é culpa dos emigrantes, senón do propio sistema electoral que antes facía que votaran ata os mortos e agora imposibilita, ou fai que sexa case imposible, que os de fora tamén poidan exercer o seu dereito electoral. E a pesar de todo iso, os galegos do mundo adiante marcan, elección tras elección, parte dos resultados da contenda política. Son case medio millón de electores e se votaran todos, poderían mesmo decidir gobernos e nomear presidentes.

CANDO FRAGA PERDEU

De feito, iso xa ten acontecido ao longo da historia de Galicia. En 2005, Fraga perdía tras 16 anos no poder. E perdía porque deixou de funcionar a maquinaria electoral do PP no exterior e non foi quen de conseguir o deputado 38 pola provincia de Pontevedra xa que non chegaron os 8.200 votos que precisaba de diferencia co PSdeG.

Pero o mesmo que quitou gobernos,  consolidou outros. E a pesar de que os emigrantes só causaron ese gran disgusto ao Partido Popular, no resto dos comicios galegos, os populares desfrutaron sempre do seu apoio e do seu agarimo. E é entendible se se ten en conta que o propio Fraga tiña un conselleiro adiacado só á Emigración.

Fraga e Beiras dánse un apretón de mans. Unha dos históricos momentos da política galega
Fraga e Beiras dánse un apretón de mans. Unha dos históricos momentos da política galega | Fonte: EFE

E CANDO FRAGA GAÑOU

Unha das grandes alegrías do fundador do PP foi precisamente nas eleccións de 1997. Hai 23 anos, Fraga acadaba 42 escanos, os memos que hoxe ten Feijóo, e un menos do seu récord histórico de 1993, con 43 actas. Pero, a pesar de perder un parlamentario, a Fraga ese escano soúbolle a gloria. Cos votos da emigración conseguiu ter unha cifra récord nuns comicios galegos, chegar case ao 53% dos votos e superar a marca das 800.000 papeletas (832.000), algo que non ten acadado ningún presidente galego.

E hoxe, 23 anos despois, a historia repítese. Non son os números de Fraga, pero Feijóo acada tamén unha vitoria simbólica. Supera por primeira vez na súa historia a barreira dos 41 escanos e acada 42 parlamentarios, outra cifra récord no seu historial político que dá moito para presumir en Madrid. E, en boa medida, o éxito destes dous feitos históricos teñen que ver co voto emigrante. Grazas aos residentes ausentes, Fraga quitoulle un deputado ao BNG de Beiras e Feijóo ao PSdeG de Caballero.

AS ELECCIÓNS DE HAI 23 ANOS

Certamente, as eleccións de hai 23 anos teñen moitas semellanzas coas celebradas o pasado 12J. O BNG conseguía o sorpasso ao PSdeG cuns resultados históricos. Ese Bloque de Beiras acadaba 19 escanos, que serían 18 por ese voto emigrante, e deixaba o apoio a esta formación no 25,11% do censo e máis de 395.000 votos. En fronte, Fraga e Abel Caballero, o tío de Gonzalo Caballero, que deixaba aos socialistas nos seus peores rexistros con 15 escanos,  310.000 votos e o 19,72% do censo electoral. Con todo, dous deles eran da coalición con Esquerda Galega do mítico "Geluco", que acabarían indo ao Grupo Mixto e deixando ao PSOE con 13 actas durante esa lexislatura.

E neste 2020 Feijóo volve facer historia a costa dun novo escano que lle rouba ao PSdeG. E, como entón, deixa ao BNG de Ana Pontón con 19 escanos, o 23,80% dos votos e máis de 310.000 papeletas. Todo, a costa de Gonzalo Caballero, o sobriño de Abel Caballero, que queda con 254.000 votos e o 19,40% do censo electoral. Ao final, 14 escanos, os mesmos que no peor escenario do PSdeG, os 14 que tamén sacou hai catro anos Xaquín Fernández Leiceaga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 Gamela

42 / 33 con 9 deputados de diferenza temos por diante 4 anos con máscara na boca ! Os medios subvencionados contarán as súas historias e os muros de pago impedirán calquera crítica dos lectores. Mentres a oposición vivirá cómoda soñando con "repúblicas" que non son máis ca manifestación da impotencia secular dun pobo traizoado mil veces !

1 As masas espérante

E por que non montas algo ti

2 Tocabolas

Xa Monta o Círio..paréce-che pouco??.

3 Gamela

Mira como celebran os "traidores" o Día da Patria ! https://youtu.be/KwYsTX2-hmQ CERNA foi o submariño que meteu a UPG no corazón das Mareas para rompelas dende dentro e agora celebran o éxito cunha estreleira !