Convocados 20 novos permisos para marisqueo a pé na confraría de Vilanova de Arousa

O prazo de solicitude é de 15 días hábiles tras a publicación da convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2020 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar convocou un total de 20 novos permisos de explotación para marisqueo a pé na confraría de pescadores de Vilanova de Arousa, en Pontevedra. O prazo de solicitude é de 15 días hábiles tras a publicación da convocatoria no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial e na páxina web da Consellería.

Para poder optar a eles, os solicitantes deben cumprir, entre outros, os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os permisos de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar.

Diso informou o departamento que dirixe Rosa Quintana nun comunicado, en que sinala que as solicitudes e a documentación acreditativa deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Tamén se poderán presentar en papel nas oficinas de rexistro da Xunta, de Correos ou no resto de lugares indicados na Lei de Réxime Xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Unha vez terminado o prazo, a Consellería procederá á súa valoración.

Marisqueo no Grove
Marisqueo no Grove | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta