Goyo Revenga, tras a súa expulsión de Cs: "Non ía pasar catro anos negándome a todo"

Revenga manterá a súa acta de edil a pesar de ser expulsado de Ciudadanos e insiste en que o seu voto a favor dos orzamentos co Concello "non era incompatible cos ideais e valores do partido".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O único concelleiro por Ciudadanos na cidade de Pontevedra, Goyo Revenga, foi expulsado do seu partido político despois de apoiar os Orzamentos do 2020 do Concello de Pontevedra. "Nunca pensei en pasar catro anos de mandato negándome a todo o que me propuxese o equipo do goberno polo feito de ser doutra ideoloxía", sinalou Goyo. 

O candidato de Cidadáns á Alcaldía de Pontevedra, Goyo Revenga, en rolda de prensa.. CIDADÁNS - Arquivo
O candidato de Cidadáns á Alcaldía de Pontevedra, Goyo Revenga, en rolda de prensa.. CIDADÁNS - Arquivo

Revenga indicou no seu propio comunicado que "é coñecido que o seu voto non era decisivo, mais que grazas ao seu apoio conseguiuse case medio millón de euros en partidas sociais para Pontevedra e así llo comunicou a Ciudadanos" e que tamén "os pontevedreses elixiron nas pasadas eleccións municipais a unha corporación onde o BNG e o PSdeG suman maioría absoluta". Polo tanto, o exconcelleiro reiterou que "ante isto el nunca quixo ser un problema, senón alguén que puidera ofrecer diálogo, mesura e entendemento". 

O exconcelleiro constata que "despois de apoiar os presupostos, atopouse cunha advertencia por parte da dirección, avisandoo de que a aprobación conlevaría a apertura dun expediente disciplinario" e que el, "como concelleiro de Pontevedra sempre colocará a súa cidade antes que os intereses partidistas de calqueira formación política". 

Goyo Revenga indica que "nunca fun un rebelde, nin tampouco un valente, fun unha persoa coherente co que sempre expresou aos seus veciños en campaña". O antigo concelleiro por Ciudadanos conclúe o seu comunicado informativo dicindo que o partido expulsouno das súas actas, mais el seguirá traballando no Concello para mellorar Pontevedra durante os tres anos que lle quedan de mandato. 

CONSERVARÁ A SÚA ACTA DE CONCELLEIRO

Con todo, Goyo Revenga manterá a súa acta de edil a pesar de ser expulsado de Ciudadanos, o partido polo que foi electo nas eleccións municipais de 2019 en que o partido laranxa obtivo un único representante na corporación pontevedresa.

Revenga sinalou que non comparte a decisión do partido de expulsalo e comentou que tentou explicar "sen éxito" á dirección de Ciudadanos tras o seu voto a favor no pleno do pasado mes de febreiro que a negociación dos orzamentos --coa que, di, logrou incluír "case medio millón de euros en partidas sociais" para a cidade-- "non era incompatible cos ideais e valores do partido".

"En ningún caso admitirei que me traten de tránsfuga", engadiu Goyo Revenga, atribuíndo esa consideración ao que "foxe" dunha formación política. "Doeume un pouco esa definición, por non acatar unha orde", precisou, ademais de admitir que recibiu "mensaxes" desde Ciudadanos, aínda que de forma "non oficial", para que renunciase á súa acta.

VELLA POLÍTICA

Goyo Revenga, que se afiliou ao partido laranxa fai cinco anos, expresou a súa "pena porque a nova política que abandeiraba Ciudadanos en tan pouco tempo converteuse en vella política". Como mostra, reprochou o resultado electoral do pasado 12 de xullo, coa cidadanía "dando as costas dunha forma incontestable" a estas siglas.

Revenga apelou ao carácter "moderado" de Ciudadanos, "capaz de sentar con todas as formacións políticas e de chegar a acordos en beneficio da cidadanía". Neste sentido, apelou ao ton da '#PolíticaÚtil' --en alusión ao hashtag do partido-- co que a súa dirixente, Inés Arrimadas, está a actuar: "Unha política similar á que causa o meu expediente -diálogo, consenso e negociación- e parece que o tempo me está dando a razón", cuestionou o concelleiro expulsado.

"Nunca me expuxen pasar os catro anos de mandato negándome a todo o que propón o equipo de goberno polo feito de ter outra ideoloxía", sinalou sobre o seu compromiso cando tomou posesión do cargo, en aras do "consenso e o beneficio para a cidadanía" a través do "diálogo, a mesura e o entendemento" co goberno bipartito formado polo BNG e o PSOE.

"Non é de botarlle narices", precisou o edil non adscrito sobre a súa decisión. "A estas alturas quero que a xente me mire como unha persoa coherente e poder ir coa cabeza ben alta por Pontevedra", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta