A Xunta avisa: se hai máis positivos no entorno do Fuenlabrada cumprirán corentena na Coruña

O Colexio de Médicos da Coruña cre que o Fuenlabrada "non" procedeu segundo as recomendacións sanitarias. O presidente do Fuenlabrada critica que se diga que son "os beneficiados" cando son "os únicos prexudicados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade realizará este mércores unha PCR a catro contactos relacionados co brote do Fuenlabrada, pero que non teñen vinculación co club, á vez que confirmou que os casos positivos cumprirán a súa corentena na Coruña.

Nunha rolda de prensa tras participar no Comité Clínico, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que, ademais das 46 PCR realizadas á delegación do Fuenlabrada, das que seis foron positivas, faranse catro probas a outros tantos contactos, neste caso non vinculados co club. Dadas as "discrepancias" cos datos do club --que falaban de oito positivos-- faranse tamén seroloxías á delegación.

No caso das novas PCR, trátase, en concreto, de tres condutores de autobús e un afeccionado que tiveron contacto cos positivos e que xa están en illamento no seu domicilio, na Coruña.

Un traballador de seguridade camiña preto da porta do hotel NH Finisterre da Coruña onde están os xogadores do CF Fuenlabrada.. M. Dylan - Europa Press
Un traballador de seguridade camiña preto da porta do hotel NH Finisterre da Coruña onde están os xogadores do CF Fuenlabrada.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

ACORDO CON MADRID

Por outra banda, Almuiña certificou que as persoas do club que deron positivo pasarán a súa corentena na cidade da Coruña, aínda que deixou a porta aberta a establecer un protocolo coordinado coa Comunidade de Madrid e co Ministerio de Sanidade para que os que están en illamento pero que teñan PCR negativa poidan desprazarse, en condicións de seguridade, a cumprir a corentena á capital española. Neste caso, realizaríase unha nova PCR antes da súa saída.

Tamén dixo que o protocolo de actuación e prevención contra a COVID-19 da liga "ten lagoas" e considerou que, "claramente", debería "ser revisado" por mor do sucedido no caso do Fuenlabrada.

CRÍTICAS COLEXIO DE MÉDICOS

O Colexio oficial de Médicos da Provincia da Coruña considerou que a expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada "non parece" que procedese segundo as recomendacións das autoridades sanitarias en relación aos brotes de COVID-19.

Nun comunicado remitido aos medios, o colexio médico lembra que, segundo os protocolos, calquera médico debe comunicar ás autoridades sanitarias da súa comunidade os casos positivos de COVID-19 dos que teña coñecemento e que a información dos brotes --calquera agrupación de tres ou máis casos con infección activa-- ha de enviarse ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias e ao Centro Nacional de Epidemiología.

PRESIDENTE DO FUENLABRADA

En troques, o presidente do CF Fuenlabrada, Jonathan Praena, defendeu que o seu club cumpriu co protocolo sanitario de LaLiga e que non cometeu ningunha "neglixencia" ao viaxar á Coruña a pesar de desvelarse posteriormente que contaban con seis positivos por coronavirus, e deixou claro que, aínda que "se vende" que son os "grandes beneficiados", considéranse "os únicos prexudicados".

O dirixente ofreceu este mércores unha rolda de prensa telemática desde o hotel onde está confinado co resto da expedición do equipo para "aclarar informacións falsas, equivocadas e mesmo malintencionadas" e remarcar que o club non cometeu "ningunha neglixencia".

INVESTIGACIÓN DE MADRID

O vicepresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio Augado, asegurou que a Comunidade de Madrid está a investigar por que o laboratorio que realizou a proba de coronavirus ao Club Fuenlabrada non lle notificou "no seu momento e como debese" que atoparan un caso positivo.

Segundo explicou Augado en rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno, está a facerse un labor cos rastreadores na contorna máis próxima dos xogadores.

A Consellería de Sanidade informoulles de que se está facendo ese seguimento en coordinación coa Consellería de Sanidade da Xunta e abríronse as oportunas dilixencias sanitarias para saber "exactamente que sucedeu e por que non se notificou no seu momento como debese o primeiro PCR do equipo do Fuenlabrada para poder actuar antes e non ter esta información a última hora do luns".

"Está a investigarse, porque ese caso, ese positivo detectado en primeira instancia o sábado se non recordo mal dentro do propio club non se notificou. Estráñanos que o laboratorio encargado de facer esas probas non notificase de forma inmediata e por defecto esa PCR á Consellería de Sanidade e é o que estamos a tratar de pescudar", aseverou Augado.

Por último, o vicepresidente rexional indicou que agora o que están a tentar é garantir que eses positivos "estean convenientemente tratados e illados" para que este rebrote "non se estenda e non perda o control.

LAGOAS NO PROTOCOLO DE ACTUACIÓN DA LIGA

Por outra parte, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, tamén afirmou este mércores que o protocolo de actuación e prevención contra a COVID-19 da liga "ten lagoas" e considerou que, "claramente", debería "ser revisado" por mor do sucedido no caso do Fuenlabrada.

En declaracións aos medios tras participar nunha reunión do Comité Clínico, que avaliou, entre outras cuestións, o brote derivado do seis positivos deste club de fútbol, o conselleiro lembrou que a Xunta mantén unha investigación para saber se algunha parte deste protocolo "non se cumpriu".

No entanto, explicou que, á vista do sucedido, "demostrouse que --o protocolo-- ten lagoas", polo que considera que "debe de ser revisado" por parte do Ministerio e dos seus responsables, para evitar que algo así se repita. Este punto de vista, dixo, é compartido pola Comunidade de Madrid.

Para frear os brotes de COVID-19, dixo o conselleiro, é "importante a comunicación fluída e a responsabilidade de todos aqueles que estean implicados", polo que se "pediu información" respecto diso das medidas que se tomaron en relación a estes positivos.

En todo caso, e aínda a pesar de que o protocolo "pode ter lagoas", Almuiña considerou que "unha parte non se cumpriu". Unha investigación da Xunta trata de determinar agora "onde estiveron os erros", dixo.

COMUNICACIÓN DO LABORATORIO PRIVADO

Así, e en relación á posibilidade de emprender accións legais se se atopa algunha neglixencia, o conselleiro indicou que Sanidade segue "as canles que marca a lei", aínda que apuntou cara á comunicación por parte dun laboratorio privado como unha das posibles "lagoas".

"Entendemos que o laboratorio ten que comunicar calquera positivo, calquera laboratorio privado en Galicia así o fai, por saúde pública, pero aquí non se deu", dixo o conselleiro, tras o que lembrou que este laboratorio non depende da competencia da Sanidade galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta