O BNG cre que o PP está "bébedo de soberbia" ante a falta de atención á comunidade educativa

A deputada Olalla Rodil cre que a Consellería de Educación presentou na Mesa Sectorial a semana pasada un protocolo para o curso que vén que "non responde as necesidades nin ás urxencias" do ensino público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A deputada electa do BNG Olalla Rodil reclamou este mércores á Xunta que sente a negociar coa comunidade educativa "outro protocolo" para o próximo curso escolar e que escoite as demandas dos sindicatos e das asociacións de nais e pais. "Vemos a un PP bébedo de soberbia e pedimos humildade e que atenda ao que pide a comunidade educativa", dixo.

Rodil participou nunha protesta convocada polas organizacións sindicais ante a Consellería de Educación para mostrar o seu "apoio" ás reclamacións do sector. O BNG, manifestou, demándalle ao Goberno galego "un protocolo que sexa digno de tal nome e que, sobre todo, priorice a saúde do alumnado e o profesorado".

O que Educación presentou na Mesa Sectorial a semana pasada "non responde as necesidades nin ás urxencias" do ensino público, considerou e criticou que "se tentan primar criterios economicistas fronte a calidade educativa e a protección dos nenos e nenas", polo que considerou que isto non axuda a frear o virus.

Rodil reclamou "máis profesorado e reducir os cocientes" de alumnos por aula para garantir a seguridade tanto nos centros como nos servizos complementarios, como comedores e o transporte escolar. "Hai que dotar de recursos económicos ese plan, sentar a negociar as medidas que sexan necesarias, que a Xunta asuma a súa responsabilidade", esixiu.

A deputada electa indicou que "non se pode facer política nin desenvolver ningunha medida desta envergadura sen contar coas persoas que están a pé de rúa" nin tampouco "derivarlles" as responsabilidades. mNo acto de protesta estivo presente tamén outra deputada electa do BNG, que é docente, Mercedes Queixas.

A deputada electa do BNG Olalla Rodil dá declaracións aos medios nunha protesta dos sindicatos contra o protocolo da Consellería de Educación para o próximo curso escolar. BNG
A deputada electa do BNG Olalla Rodil dá declaracións aos medios nunha protesta dos sindicatos contra o protocolo da Consellería de Educación para o próximo curso escolar. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta