Desarticulada en Galicia unha rede de comercialización de marisco furtivo procedente de Portugal

No transcurso das pescudas, a Garda Civil investigou a dúas empresas na provincia de Pontevedra e dous operadores comerciais en Portugal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Pontevedra desarticulou un grupo organizado que se dedicaba á comercialización clandestina de ourizos de mar e ameixas procedentes do marisqueo furtivo en Portugal.

Segundo informa a Benemérita nun comunicado este mércores, o grupo introducía en España estas especies con documentación falsa a través de dúas empresas da provincia de Pontevedra relacionadas co sector alimentario.

Grazas a este sistema, os produtos mariños terminaban dentro do circuíto legal. No transcurso das pescudas, a Garda Civil investigou a dúas empresas na provincia de Pontevedra e dous operadores comerciais en Portugal, así como a sete persoas: cinco españois e dous portugueses. Impútanselles delitos de falsidade documental, contra o mercado e os consumidores e pertenza a grupo criminal.

As forzas da orde, a través do Serpona de Pontevedra, iniciaron a investigación no ano 2018 ao detectar un documento oficial falso que amparaba 300 quilogramos de ourizo de mar procedentes de Portugal.

Posteriormente, o 2 de maio do mesmo ano, a patrulla do Seprona de Ponteareas interceptou unha transacción de 650 quilos de ourizos que se estaba realizando no aparcadoiro dun restaurante no Concello de Tomiño, próximo á fronteira con Portugal.

Nesta ocasión, os axentes comprobaron que a maior parte da mercadoría carecía de documentación de rastrexabilidade. Ademais, localizaron documentos mercantís onde figuraban como destinatarias as dúas empresas pontevedresas.

RASTREXABILIDADE

En colaboración cos Servizos de Riscos Ambientais da Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, a Garda Civil levou a cabo un seguimento da rastrexabilidade dos ourizos de mar e realizáronse inspeccións nun centro de expedición e depuración de moluscos, situado na provincia de Pontevedra.

Este centro era receptor dos produtos e alí detectáronse máis dun centenar de documentos de rexistro que foron confirmados como falsos pola autoridade competente de Portugal, en coordinación co Centro de Colaboración Policial e Aduaneira (CCPA) de Tui.

Os axentes tamén interviñeron facturas asociadas dun operador comercial portugués, con domicilio social ficticio, que tamén resultaron falsas.

CATRO TONELADAS

A Garda Civil estima que entre os anos 2017 e 2018 este grupo comercializou un catro toneladas de produtos procedentes do marisqueo, o que lles reportou uns beneficios económicos de 50.000 euros aproximadamente.

Ademais, ao longo da investigación vinculouse a dous operadores comerciais de Portugal como provedores dos ourizos de mar furtivos, que eran levados a unha empresa distribuidora e importadora que adquiría estes produtos na provincia de Pontevedra.

Alí, entregaba a mercadoría nas instalacións dun centro de expedición e depuración de moluscos que achegaba o seu rexistro sanitario para a súa posterior saída aos seus clientes, tanto nacionais como da Unión Europea.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados por conduto da Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Furgoneta con ourizo de contrabando e furtivo procedente de Portugal que se comercializaba en Pontevedra. GARDA CIVIL
Furgoneta con ourizo de contrabando e furtivo procedente de Portugal que se comercializaba en Pontevedra. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta