Así impacta a pandemia na comarca da Coruña: 5.700 millóns menos ao ano e a perda de 16.000 empregos

As consecuencias serán "traumáticas" pero aposta por aproveitar as "oportunidades" como o novo hospital

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 23/07/2020 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A Cámara de Comercio da Coruña prevé unha caída de ingresos anual do 12% nas empresas da comarca debido á pandemia, o que supón 5.700 millóns de euros.

Precisamente, a entidade presentou este xoves o seu Plan de Relanzamento da Economía da área da Coruña, un documento cun centenar de medidas para paliar as consecuencias "traumáticas" da crise.

Segundo o estudo, que abarca 12 municipios da área coruñesa e foi realizado por Estratega Consulting, o impacto anual con respecto ao emprego será do 13%, afectando a 16.000 empregos e un 12% menos de valor agregado, o que supón 2.500 millóns de euros.

O director da consultora, Antonio Paz, destacou que, ata a chegada da pandemia, a comarca estaba "en clara tendencia crecente". Comercio, construción, loxística, téxtil ou hostalaría aglutinan, segundo o estudo, as empresas con máis perdas. "Os principais sectores da comarca son os que foron especialmente afectados pola crise", explicou.

En datos reccollidos pola empresa, de maneira interanual, en xuño houbo unha caída do 3% na afiliación á Seguridade Social, un aumento do 21% de paro e unha baixada do 50% de contratos novos. De maneira global, entre afiliados, traballadores en ERTE e autónomos con prestación, ata 69.461 traballadores estiveron "directamente afectados" pola pandemia.

A Coruña é o municipio máis prexudicado pola crise e Arteixo, o seguinte. Con respecto ás medidas tomadas polas administracións, "o empresariado valora o feito pero considéraas insuficientes". O obxectivo a curto prazo, relatou Paz, é "que ningunha empresa viable e sustentable desapareza con esta crise". Os seguintes retos serían, conforme sinalou, "regresar á situación de hai uns meses" e que exista "crecemento a longo prazo".

Entre as medidas a curto prazo, o estudo considera "fundamental manter o control sobre a pandemia, para que non haxa máis ondas ou rebrotes" e propón buscar liñas de axuda específicas por sectores, reforzar o apoio a autónomos, axilizar procesos administrativos, flexibilizar a normativa laboral, estimular obra pública e que haxa incentivos ao consumo.

Local pechado
Local pechado | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta