A Xunta insiste en manter abertos pubs e discotecas: "Non se entende pechalos e que sigan os botellóns"

Feijóo insiste en que non se pode pechar o ocio nocturno en Galicia e asegura que se se dá un foco ou non se cumpren os protocolos, pois se procederá a pechar o local infractor.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este xoves en que se manteñan aberto os locais --pubs e discotecas-- de ocio nocturno a pesar de que varias autonomías acaban de anunciar o peche destes locais tras ser focos de varios contaxios masivos.

Interior dunha discoteca
Interior dunha discoteca | Fonte: EP

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo amosouse confiando ante os "estritos protocolos" que están seguindo os propietarios destes locais. "Non pode ser que pechen estes locais e logo sigan os botellóns. Isto non se entende", dixo.

Neste sentido, destacou que o propio sector do ocio nocturno trasmitiulle á Xunta o seu temor ante a situación e que "eles mesmos son os máis preocupados polo que acontece e por manter todos os protocolos", dixo. Uns protoclos que supoñen que non poden ter máis do 75% do seu aforo, máis de150 persoas no interior dun local ou 250 no exterior e na que os propietarios teñen que pedir os datos dos clientes ante a posibilidade de que se produzan focos de contaxio.

"Hai unha alta concienciación no propio sector e, aqueles que non cumpran, pois serán pechados xa que hai un sistema de control estrito", dixo. Así, e preguntado por Galicia Confidencial que pasará se hai un foco importante nun destes locais, Feijóo dixo que o risco "é asumible" se se cumpren os protocolos. "Se non se cumpren, pois se pechará o locoal e se hai dificultades maiores xa analizaremos as medidas a tomar", indicou.

NOVAS RECOMENDACIÓNS

Por outra banda, e a pesar de non tomar ningunha medida en relación aos locais de ocio nocturno, a Xunta si que emitiu unha nova recomendación que é limitar o númer de asistentes a locais privados a un número de 25 pesoas. "Non obrigamos, pero si recomendamos que en celebracións ou xuntanzas privadas se estremen as precaucións", indicou.

Así, destacou que "non se pode ser tan estritos" coas obrigas que teñen que cumprir os locais de ocio nocturno e non regular o que pasa nas festas privadas, ou mesmo nos botellóns. Por iso, dixo que a Policía Autonómica ten orde de inspeccionar e sancionar este tipo de xuntanzas, á vez que pediu a cooperación da Delegación do Goberno e da Policía Local. "Agora tamén queremos ser máis coidadosos no ámbito privado", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta