Galicia está a cola en rastrexo da Covid, pero Feijóo defende o seu sistema de detección

A Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica di que a Xunta descoñece a orixe do 80,9% dos positivos diagnosticados. "Temos a mellor situación epidemiolóxica de España", di o presidente galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica publicaba hai uns días un novo informe que reflicte a capacidade de rastrexo dos casos de coronavirus por parte das Comunidades Autónomas e que pon de manifesto que se descoñece a orixe do contaxio dun 50,8% dos casos detectados a nivel estatal.

Mapa dos rastrexadores da Covid no Estado
Mapa dos rastrexadores da Covid no Estado | Fonte: La Sexta

Segundo estes datos, Galicia é a comunidade que a día de hoxe menos identifica a orixe dos contaxios, en concreto descoñece o do 80,9% dos positivos diagnosticados, séguenlle Melilla cun 71,4% e Cataluña, onde dos casos detectados, non se sabe de onde veñen o 75,1%.

As comunidades que mellor están a identificar a orixe do contaxio dos novos pacientes son Aragón, que descoñece só o do 4,1% dos novos positivos, País Vasco (11,7%) e Andalucía (15%).

FEIJÓO DEFENDE O SEU SISTEMA

Preguntado por Galicia Confidencial sobre esta situación, Feijóo destacou que en Galicia hai máis de 6.000 persoas contratadas para detectar e facer seguimento dos casos da Covid tanto na Atención Primaria, como en Atención Preventiva e no ámbito técnico.

"Si temos rastreadores cun teléfono con teleoperadores potentes", dixo. Ademais, Feijóo subliña que hai 4,67 diagnosticados de coronavirus por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, fronte aos 30,88 que rexistra a media española. Por tal motivo, defendeu que Galicia está "nunha das mellores situacións epidemiolóxicas de España", mentres se vive unha "situación moi preocupante" no conxunto do Estado.

"O obxectivo é facer unha gran base de datos das persoas que están contaxiadas ou estiveron contaxiadas e dos seus contactos", dixo, ao tempo que defendeu a nova medida aprobada este xoves no Consello da Xunta dun rexistro obrigatorio para turistas galegos e non galegos ou emigrantes que veñan a Galicia logo de estar en países ou autonomías con risco sanitario.

Ademais do seu sistema de rastrexo, Feijóo destacou que as persoas que sinten síntomas ou que estiveron en contacto con contaxiados poden notificalo a través do teléfono de atención do coronavirus (881 00 20 21) ou a través da web (coronavirus.sergas.gal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta