Galicia pedirá maior coordinación entre autonomías fronte a rebrotes

Alberto Núñez Feijóo pedirá na conferencia de presidentes adoptar unha lexislación sanitaria adecuada que permita homologar a resposta ante os brotes sen necesidade de acudir de novo ao estado de alarma.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/07/2020 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, acudirá á conferencia de presidentes que fixou o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, para o vindeiro venres na Rioxa. Alí, segundo trasladaron fontes do Goberno galego, incidirá na necesidade dunha maior coordinación entre as comunidades fronte aos rebrotes de COVID-19.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participa nunha videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participa nunha videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos | Fonte: Xunta.

Sánchez xa convocou oficialmente esta reunión, que por primeira vez desde que estalou a pandemia será presencial, para o próximo 31 de xullo no municipio de San Millán da Cogolla, concretamente no Mosteiro de Yuso. Nela, está previsto que informe aos líderes autonómicos sobre o acordo da Unión Europea para crear un fondo de recuperación dun total de 750.000 millóns de euros.

Neste contexto, sempre segundo fontes da Xunta, Feijóo aproveitará para reclamar unha maior coordinación entre os diferentes territorios de España ante a aparición de brotes de coronavirus en todas as comunidades, os cales elevaron a cifra diaria de contaxios a niveis do mes de maio.

Por iso, o presidente galego en funcións tamén incidirá, como o fixo durante as conferencias telemáticas con Sánchez durante o estado de alarma, na necesidade de adoptar unha lexislación sanitaria adecuada que permita homologar a resposta ante os brotes sen necesidade de acudir de novo ao estado de alarma.

Cabe lembrar que Galicia acordou esta semana que os viaxeiros que estivesen nos últimos 14 días en zonas de alta incidencia de coronavirus, xa sexan comunidades españolas ou do estranxeiro, deben notificar os seus datos e o seu tempo de estancia. Esta medida foi aprobada unha semana despois de que a Xunta fixese obrigatoria a máscara en todo momento, o cal tan só Canarias e a Comunidade de Madrid non implementaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta