Ingratitude, chuvia e cancións de esperanza

Coa proliferación de frases célebres, aforismos, citas e recomendacións que se produce en internet día tras día, parece superfluo unirse a esa lista, pero uns recentes achados lévanme a compartir, dende a humildade, tres camiños verdes para os lectores de Galicia Confidencial.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 01/08/2020

Comparte esta noticia
1. Cada persoa consciente ten unhas bases sobre as cales asenta o seu modo de proceder. Unha das miñas crenzas persoais é a teoría que di que con frecuencia encontramos a verdade nos paradoxos. Esta vía esperanzada púxose de manifesto hai pouco, cando lía un antigo diario. Vin nas súas páxinas un consello que me dera o meu pai moitos anos atrás. Penso que o dicía sen cinismo, aínda que si con certa amargura. 
 
El foi un home cunha vida moi azarosa e diversa. Entre as súas ocupacións, estiveron as de ser mariñeiro, cociñeiro, obreiro, dono dunha pequena fábrica de madeira e taxista. Encantáballe dar agasallos e facer favores, non para gañar os afectos soamente, senón por unha mestura natural de inocencia e boa disposición. 
 
O resultado da súa experiencia foi moi desigual, e quixo darme un consello para axudarme na vida. É o seguinte: “Non esperes nada de aqueles aos que lles fas favores. Non esperes que queden agradecidos. Na vida, verás que se portan ben contigo os que te fixeron favores a ti.” 
 
O refrán que di “de ben nacidos é ser agradecidos” semella que non lle importa a moita xente. É posible que os receptores dos favores sintan unha especie de inferioridade. Por suposto, hai excepcións aos ingratos, e non quero deixar de mencionar unha das máis flagrantes: Manuel Díaz “Corrubedo”, amigo de por vida do meu pai Manuel. 
 
2. O segundo camiño é a recomendación dun libro que me conmociona neste mes de xullo de 2020. Trátase da última obra dun amigo que admiro profundamente: o filósofo Ignacio Castro Rey. “Lluvia oblicua” (Pre-Textos, 2019) é un volume profundo, moi valioso. O libro deste compostelán – que cos seus ollos vitais contempla o ceo de Madrid e a ría de Arousa – está tan repleto de pensamentos cruciais sobre os nosos tempos que custa asimilar tanta reflexión nunha primeira lectura. As alusións á máis alta cultura e á cultura popular (véxase por exemplo a súa brutal visión da película “Grease” ou a tenrura cara a Marilyn Monroe) engaden matices ó pensamento vivo.
 
Tal como lle dixen a Ignacio na presentación deste tomo en Santiago, o seu discurso abre moitas caixas. Aínda que non sempre concorde o lector, recibirá en cada páxina un estímulo intelectual proveitoso. Ás veces, Ignacio é duramente incisivo, pero curiosamente eses son os momentos que máis electrifican. 
 
Da lectura de un libro como este “Lluvia oblicua”, quedo co desexo de que Ignacio Castro publique unha obra futura de semellante ambición en lingua galega, pois esa aportación crearía novas fontes de luz das cales poderíamos beber en primeira instancia, e engadiría un talento portentoso formado na valentía física e espiritual á oferta cultural en idioma galego nos tempos complexos e confusos que transitamos.
 
3. O terceiro camiño ten xoias en cada tramo. Unha das características máis encantadoras e conmovedoras da música pop/rock é o tipo de cancións que intenta dar ánimos. Como o paradoxo dos clásicos tristes do blues, que traen unha estraña catarse, hai éxitos con letras convertidas en bálsamos para a dor. Esta é unha lista posible:
 
BAND AID – Do They Know It’s Christmas?
BARÓN ROJO – Resistiré
BIG COUNTRY – In A Big Country
CHEAP TRICK – Everything Works If You Let It
DURAN DURAN – She’s Too Much
 
ELTON JOHN – I’m Still Standing
FRANCO BATTIATO – Nómadas
HOWARD JONES – Things Can Only Get Better
JOURNEY – Don’t Stop Believin’
MARC ALMOND – Only The Moment
 
MARC ANTHONY – Vivir mi vida
PETER GABRIEL con KATE BUSH ou con SINÉAD O’CONNOR – Don’t Give Up
QUEEN – The Show Must Go On
R.E.M. – Everybody Hurts
RICKY MARTIN con STING – Simple
 
SAM COOKE – A Change Is Gonna Come
SIMON & GARFUNKEL – Bridge Over Troubled Water
STEVE WINWOOD – While You See A Chance
STEVIE WONDER – Master Blaster (Jammin’)
SUEDE – The Power
 
THE BEATLES – We Can Work It Out
THE FOUR TOPS – Reach Out I’ll Be There
THE KINKS – Better Things
THE MISSION – Butterfly On A Wheel
THE POLICE – Invisible Sun
 
THE PRETENDERS – I’ll Stand By You
THE RAMONES – I Believe In Miracles
THE SMITHS – How Soon Is Now?
U2 – One
ULTRAVOX – One Small Day
 
Nestes temas, vén á imaxinación un raio de esperanza e compaixón chegando á mente dos compositores e nótase que, en conxunción coas amables palabras, as melodías semellan reflectir o espírito desa inspiración solidaria. Como di Ray Davies na canción mencionada dos Kinks, en tempos de sufrimento e depresión suxeitámonos con forza á táboa flotante dun desexo: que veñan cousas mellores. 
 

Varias persoas protexidas con máscaras toman o sol na Praia da Rapadoira en Foz
Varias persoas protexidas con máscaras toman o sol na Praia da Rapadoira en Foz | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".