O empresariado galego moi pesimista ante as perspectivas económicas do vindeiro ano

Un informe da firma Grant Thorton afirma que o 50% dos empresarios galegos agarda unha caída dos seus ingresos nos próximos 12 meses.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A incerteza económica instalada no conxunto do Estado polo impacto da pandemia da COVID-19 segue a manifestarse nas perspectivas dos diversos axentes sociais que compoñen a actividade económica. Os últimos en dar mostras de preocupación, os empresarios, que segundo apunta o Internacional Business Report de Grant Thorton temen unha caída substancial dos seus ingresos de cara ó próximo ano.

Bar. EUROPA PRESS - Arquivo
Bar. EUROPA PRESS - Arquivo

En concreto, e segundo reflicte a primeira vaga da análise, un 45% das compañías entrevistas en Galicia temen unha reducción dos seus beneficios nos próximos 12 meses. De xeito paralelo, ata un 50% agarda un esborrallmento da súa rendibilidade. Con todo, e segundo apuntan dende a firma, o tecido empresarial galego é máis optimista agora que durante os peores momentos da crise de 2008, cando as perspectivas empresariais tocaban fondo. En troques, este optimismo sitúase por baixo das cifras de decembro de 2019, cando a inminente desaceleración económica xa se cobraba os primeiros síntomas de inquedanza.

"PESIMISMO"

Comparando cifras estatais coas galegas, chama a atención o "pesimismo" apuntando pola firma a respecto dos empresarios galegos. Segundo destaca o informe, só un 15% dos empresarios galegos ven o futuro económico con optimismo, unha proporción que chega ó 24% se falamos de cifras estatais. Dun xeito semellante, o sentir dos directivos españois queda por baixo dos países da nosa contorna, xa que na Unión Europea o optimismo medio alcanza o 29%. A confianza dos empresarios do estado, pois é menor que a dos británicos e alemáns (31%), franceses (35%) e gregos (37%). Si se atopan por debaixo os italianos (23%) particularmente afectados pola crise sanitaria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta