O PP e os dous edís díscolos do PSOE de Castrelo de Miño chegan a un acordo para desaloxar o BNG da Alcaldía

O PSOE provincial de Ourense instou aos edís Francisco Pérez e Jaime Fontanes a entregar as súas actas tras votar co PP nos últimos plenos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 27/07/2020 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

Os tres concelleiros do Partido Popular de Castrelo de Miño (Ourense) e os dous edís díscolos do PSOE chegaron esta fin de semana a un pacto para desaloxar da Alcaldía deste municipio ao alcalde do BNG, Esteban Suárez. Segundo os 'populares', este acordo "de mínimos" busca "axudar ao progreso" de Castrexo de Miño.

Esteban Suárez
Esteban Suárez | Fonte: BNG Castrelo de Miño.

Neste sentido, o portavoz do PP, Avelino Pazos, sinalou que a decisión ten "como única finalidade devolver a normalidade democrática e institucional ao Concello tras un ano de absoluta parálise e de falta de diálogo por parte do alcalde nacionalista".

Así mesmo, explica que as negociacións cos dous edís socialistas díscolos iniciáronse despois do pleno do 21 de xullo e terminaron este fin de semana "grazas á vontade de traballo de dúas persoas que chegaron á política local para axudar ao progreso de Castrelo de Miño".

Os 'populares' de Castrelo de Miño, que lembran que o PP obtivo "máis do dobre de votos" que o BNG nas eleccións autonómicas, aseguran propor unha "alternativa de goberno para salvar o concello do desastre ao que inevitablemente" levan os nacionalistas.

Ademais, sinalan que, no acordo de mínimos, figuran como principais medidas aprobar os orzamentos anuais, unha novo organigrama de goberno e a aprobación da PXOM.

O PSOE PIDE AOS DÍSCOLOS QUE ENTREGUEN AS ACTAS

Pola súa banda, fontes municipais explicaron que o pleno para debater esta moción de censura terá lugar o luns 10 de agosto. Ademais, na tarde deste martes, o Consistorio celebrará un pleno para abordar o pacto antitransfuguismo.

Precisamente, o PSOE provincial de Ourense instou a pasada semana aos dous edís díscolos, Francisco Pérez e Jaime Fontanes, a entregar as súas actas tras votar co PP nos últimos plenos.

Con todo, tal e como sinalou a portavoz socialista Catalina González tendo en conta que estes non procederon a devolver as actas, que son persoais, prevese que o partido inicie os trámites para expulsar a estes dous concelleiros.

En concreto, o BNG goberna en minoría con tres edís desde as últimas eleccións municipais, nas que PP e PSdeG obtiveron tamén tres actas de concelleira en cada un dos casos.

ALCALDE

O alcalde, Esteban Suárez, defendeu a súa xestión á fronte da Alcaldía e rexeitou os argumentos utilizados polo PP para xustificar a moción.

Ademais, considerou que detrás do acordo entre o PP local e os edís díscolos do PSOE está o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e chamou a atención sobre o feito de que o secretario xeral do PP de Ourense, Rosendo Fernández, saíse publicamente a defender o acordo.

E é que, no comunicado remitido polo PP de Ourense, Rosendo Fernández, asegura que este acordo "só ten un obxectivo único" que, segundo indica, é o "benestar dos veciños" para o que considera "fundamental" ter un goberno "sólido".

Ademais, o rexedor nacionalista lembrou as conversas iniciadas por PP, PSOE e Ciudadanos a nivel estatal para ratificar o pacto antitransfuguismo. "É rechamante que o PP en Madrid vaia por unha liña e o PSOE de Ourense por outra", censura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Realpolitik

PPSOE, a maioría natural do protectorado español do noroeste peninsular. Tamén coñecidos polo alcume de "constitucionalistasporqueeresespañollodicetudni".

1 Gamela

O neoliberalismo do PSdG é cousa sabida, non ten nada que ver co transfuguismo, cando o PXOM anda polo medio non existen partidos nin ideoloxías, só taxas e cartos frescos (?) https://flic.kr/p/2jpbwmn