A Biblioteca de Verín recibe unha importante doazón do sabio galego Eloy Luis André

Dende o pasado mes de maio, A Biblioteca Municipal do Concello de Verín conta nos seus fondos coa obra deste ilustre doutor en Psicoloxía e Filosofía, doadas polos seus netos. En concreto, son preto de duascentas obras, revistas e xornais da época nos que foron publicadas.

Por X.M. Fernández | Verín | 30/07/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A sinatura oficial da doazón das obras e de distintos documentos -carpetas con escritos, recortes de prensa,mapas, etc- de D. Eloy Luis André tivo lugar na Biblioteca Municipal o pasado luns 27 de xullo. Estiveron presentes no acto os seus netos, Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.

Sinatura da doazón na Biblioteca Munipal. Foto: Prensa Concello de Verín
Sinatura da doazón na Biblioteca Munipal. Foto: Prensa Concello de Verín

Toda a documentación de Eloy Luis André xa está sendo obxecto de custodia, conservación, estudo e análise documental por parte dos responsables da Biblioteca Municipal: Aurora Prieto e Vicente Rodríguez. Para este labor contarán coa inestimable e desinteresada participación do prestixioso investigador galego Xosé Ramón García Soto, Facultativo Psicólogo Especialista en Psicología Clínica do Equipo de Salud Mental Infanto-Juvenil de Burgos.

Pero non queda aí o elenco de colaboradores, tamén participan de xeito desinteresado Monika del Castillo e Rubén Couto na traducción dos distintos escritos orixinais en lingua alemá e transcrición dos mesmos, e Miguel Losada, Secretario da Soc. Antropolóxica Galega,  colaborador habitual desta biblioteca.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quixo agradecer á familia de Luís André a importante doazón realizada xa que "supón unha gran achega para a nosa Biblioteca e unha valiosísima ampliación do patrimonio cultural da nosa vila que, sen dúbida, contribuirá á recuperación dunha parte fundamental da nosa memoria histórica".

ELOY LUIS ANDRÉ (Mourazos 1876 - Madrid 1935)

Probablemente, a figura de Eloy Luis André pasa moi desapercibida na comarca do Támega, sendo tan só relacionada co caso da coñecida como a “Variante André”: a vía férrea que debía comunicar as grandes e medianas vilas do sur de Galicia, co tecido económico do norte de Portugal e co resto da Península. Fronte a esta proposta deseñada e promovida por Eloy Luís André, a opción que no seu día impuxo o Ministerio de Fomento fai posible que, hoxe en día, o tren transite pola rochosa cerna do Macizo Central Galaico e lonxe dos núcleos de poboación.

Por todo isto, a Biblioteca do Concello de Verín realizou nestes meses un pequeno espazo web onde se achega, tanto a investigadores como a calquera outra persoa interesada, unha noción previa suficiente sobre quen foi o erudito Eloy Luis André. Tamén está dispoñible unha cronobibliografía básica para ampliar coñecementos ó respecto dentro da web: www.bibliotecadeverin.es

Clasificar a D. Eloy Luis André dentro dunha rama específica é moi complicado

D. Xesús Taboada Chivite na súa obra "Varones ilustres de la Comarca Verinense", ed. Bolaños y Aguilar, Madrid 1946 (no que colabora nese artigo D. Ramón Otero Pedrayo) é o que, xa na década dos corenta do século XX, realizou a primeira biografía do insigne doutor e profesor Eloy Luís André.

Clasificar a D. Eloy dentro dunha rama específica é moi complicado, e calquera que realice unha pequena análise do panorama cultural da España do primeiro terzo do século XX remata por atopar ao erudito natural de Mourazos (Verín), xa sexa no ámbito da psicoloxía, da filosofía, o dereito, a economía, a reforma do ensino, ou a reforma da planificación das infraestruturas do estado, como foi o caso das ferroviarias. Estás son algunhas das áreas nas que este sabio galego doutorado pola Universidade de Leipzig e hoxe esquecido, desenvolveu unha actividade que, pola contra, foi moi considerada por algunhas das mentes mais salientables do seu tempo.

Foi nada menos que o responsable da introdución en España da Psicoloxía Experimental moderna

Por moitos motivos, pois, podería hoxe destacar no panorama cultural galego a memoria da figura de D. Eloy Luis André. Seguramente un deles sería o feito de que el foi nada menos que o responsable da introdución en España da Psicoloxía Experimental moderna, dada a súa condición de discípulo destacado e colaborador de Wilhelm Wundt, pai da psicoloxía moderna coma ciencia, e de Rudolf Eucken Premio Nobel de Literatura en 1908.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta