A Xunta mobilizou 3,6 millóns de euros para os medios de comunicación un mes antes das eleccións

Puxo en marcha campañas publicitarias específicas sobre a Covid e reactivou outros concursos que quedaran aparcados durante a pandemia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia mobilizou máis de 3.680.000 euros xusto un mes antes da campaña electoral para distribuir entre os grandes medios de comunicación a través de distintas campañas publicitarias. Algunhas destas subvencións estaban relacionadas con medidas de prevención da Covid-19 e outras foron reactivadas tras paralizarse durante a pandemia.

Cabeceiras de medios tradicionais galegos
Cabeceiras de medios tradicionais galegos

Estas campañas partiron de varios departamentos da Xunta, entre elas, a Secretaría Xeral de Medios, a Axencia de Turismo de Galicia, a Consellería de Infraestruturas de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade. De feito, parte destas campañas estiveron activas nas semanas anteriores aos comicios, e nalgúns dos medios tradicionais que apoia a Feijóo mesmo chegaron a coincidir ata catro campañas diferentes impulsadas polo Goberno galego.

Así, a Axencia de Turismo de Galicia activou unha campaña de 2.122.120 euros para o servizo de elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2020.

Trátase dunha campaña de apoio á recuperación do sector turístico galego e promoción de Galicia como destino cuxo procedemento foi iniciado o 4 de xullo e forma parte do Acordo Marco para o servizo de elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2020 (2020-006) que conta con 6.915.000,00€ de orzamento.

SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE

A Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Admóns. Públicas e Xustiza reactivou o 10 de xuño outra campaña para "a elaboración da estratexia e o plan de medios para o desenvolvemento dunha campaña publicitaria de ámbito galego sobre a prevención e a loita contra a violencia de xénero". En total, 500.000,00 euros con IVE .

Feijóo, Mar Sánchez e Lucas Martinón
Feijóo, Mar Sánchez e Lucas Martinón | Fonte: xunta.gal

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS

Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas activou o contrato derivado da campaña de “sensibilización cidadá e información en torno á mobilidade e o transporte público 2020“, do “Acordo marco do servizo de elaboración, produción e plan de medios das campañas de promoción dos ámbitos competenciais atribuídos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e as súas entidades adscritas durante 2019 e 2020“. 

Cun orzamento base de licitación de 450.000,00 euros con IVE, o concurso foi activado o 8 de xuño. Dentro deste acordo marco 2019-2020, dotado de 3 millóns de euros, tamén se fechou outro concurso publicitario o 3 de marzo dotado de 600.000 euros. 

AXUDAS DA SECRETARÍA XEAL DE MEDIOS

Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Medios, axudicou o 15 de xuño outra campaña para contratar a “Creatividade para apoiar a recuperación do sector turístico galego e promocionar Galicia como destino” por un valor de 175.295,98€ . O acordo marco deste programa ten un orzamento base de licitación de 1.227.682,66 euros (IVE engadido), aínda que o valor estimado é de 1.591.146,91 euros, determinado polo conxunto dos contratos a realizar durante a duración total do acordo marco.

Ademais, reactivou o tradicional concurso do “25 de Xullo, Día de Galicia”, este ano dotado con 4000.000 euros, que quedou deserto no procedemento iniciado o 4 de maio polas medidas impostas durante o confinamento, e foi reactivado ao longo do mes de xuño. 

OUTRAS CAMPAÑAS ANTERIORES

Ademais, este departamento, que dirixe Mar Sánchez Sierra, que controla absolutamente todas as campañas publicitarias que se distribúen desde a Xunta, activou semanas anteriores e posteriores outras dúas campañas. Unha delas foi de urxencia, adxudicada precisamente o 27 de marzo, quince días despois de decretarse o confinamento, sobre “Comunicacións sobre as actividades de emerxencia que poña en marcha a Xunta de Galicia en relación co Coronavirus - Covid 19“.

Este concurso estivo dotado de 394.117,64€ a cargo do Acordo Marco dos servizos de produción e difusión de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a comunidade autónoma que ten un orzamento base de licitación de 2.570.000,00 euros (IVE engadido). O valor estimado é de 3.055.371,87 euros, determinado polo conxunto dos contratos a realizar durante a duración total do acordo marco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Veremos cales van ser as propostas do novo Parlamento (BNG) contra o Modelo de Propaganda (?) https://i.gal/gamela20 Pero o que resulta insoportable é que os medios subvencionados aproveitaran o confinamento para implementar os seus novos negocios xornalísticos vía Muros de Pago https://i.gal/gamela22 E polo que se pode ler ningún partido político denunciou esta práctica noxenta durante a pandemia nin siquera na campaña electoral (?) Cal vai ser o modelo a seguir por Agora Repúblicas (?) O modelo Pravda (?)