Temas: FESTAS A CORUñA

O Concello da Coruña mantén as festas de María Pita, pero redúceas nun 75% e reforza a seguridade

Será unha "programación cultural absolutamente local e galega".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 28/07/2020 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña decidiu este martes manter a celebración das festas de María Pita, aínda que as reducirá nun 75% e incrementará os controis e protocolos de seguridade. Así o acordou o goberno local despois de analizar a situación epidemiolóxica actual ocasionada pola pandemia da COVID-19 na cidade, e de contrastar os datos coa Consellería de Sanidade.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey | Fonte: Concello.

A alcaldesa, Inés Rey, decidiu, xunto ao resto do goberno local, ofrecer uns festexos de María Pita "reducidos e acordes" á realidade actual. Un dos obxectivos fundamentais, apuntou o consistorio, "é presentar unha programación cultural absolutamente local e galega co fin de axudar a mitigar o dano causado pola pandemia na industria cultural coruñesa".

A Feira do Libro, o salón Viñetas dende o Atlántico e a feira Mostrart de artesanía manteranse, xa que cumpren coas premisas de seguridade recomendadas pola Consellería de Sanidade.

En todos os eventos levará a cabo un protocolo COVID de cara a garantir "a total seguridade dos artistas e do público asistente", aínda que, "no caso de que exista o mínimo risco para a saúde da poboación, optarase por suspender as actividades previstas".

Así, realizaranse ao aire libre, seguindo o consello das autoridades sanitarias, e os espazos garantirán a consecución da distancia social entre os participantes e entre os espectadores.

Para cada unha das citas programadas haberá unha capacidade máxima de 400 persoas, que deberán reservar a súa localidade de forma gratuíta a través dunha plataforma electrónica. Os eventos culturais comezarán o vindeiro sábado, día 1 de agosto, e finalizarán o domingo 9 de agosto. Non haberá pregón para evitar as aglomeracións.

Temas: FESTAS A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta