Pablo Casado no seu labirinto

Medio ano despois da investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno, o máximo dirixente do PP, Pablo Casado, está a tentar buscar unha saída do labirinto político no que, voluntariamente, se meteu hai uns meses.

Por Xesús Veiga | Compostela | 31/07/2020

Comparte esta noticia
Tal e como figura nos manuais de xestión pública, a aparición imprevista de crises de gran envergadura é unha fonte potencial de oportunidades para demostrar a solidez -ou, no seu caso, a excelencia- das equipas humanas convocadas á tarefa de facerlles fronte. Ninguén discute que a pandemia provocada polo coronavirus reúne todas as condicións contempladas en calquera dos enunciados teóricos que poidan ser invocados.
 
Pablo Casado tiña unha grande ocasión para demostrar que posuía propostas e capacidade de liderado suficientes para dotar de credibilidade á súa condición de potencial alternativa gobernamental. Iso requiría varias condicións: comprender as circunstancias políticas extraordinarias -e inéditas- derivadas da crise sanitaria; asumir a lexitimidade dos resultados electorais do pasado mes de Novembro; abandonar a lóxica do  frontismo con  Vox e, no caso de ter algún tipo de dúbida, consultar con outros dirixentes conservadores europeos ( singularmente con A. Merkel e co presidente da República portuguesa).
 
Nestes últimos meses, Casado non foi capaz de atopar unha saída axeitada do seu particular labirinto. Atrapado na lóxica de maximizar, custe o que custe, o desgaste do goberno Sánchez, formulou críticas pouco congruentes coa propia xenética ideolóxica da súa formación: desde a denuncia dun suposto autoritarismo pola instauración do estado de alarma ate a descualificación pola excesiva recentralización dalgunhas competencias das Comunidades Autónomas no goberno estatal. As preguntas estaban servidas: que faría o dirixente popular no hipotético caso de estar na Moncloa? Como serían, nese suposto, as relacións entre o presidente Casado e os seus colegas de partido que hoxe encabezan os gobernos de Galiza, Madrid, Andalucía, Castela-León e Murcia? Ás veces, os exercicios de política-ficción resultan ilustrativos para atopar as claves explicativas da realidade presente.
 
A tentación de trasladar ao ámbito da UE a liña de oposición frontal ao goberno de coalición PSOE- UP era demasiado  apetecíbel como para deixala pasar. Os intentos de establecer -a través dalgúns sectores do Partido Popular Europeo- unhas condicións duras -semellantes ás fixadas na crise do euro do 2010- para aqueles países receptores de axudas procedentes das finanzas da Unión non chegaron a frutificar porque Merkel e  Macron non queren someter a un perigoso test de tensión ao club comunitario. Resulta curioso, en todo caso, constatar como Pablo Casado pretendeu apadriñar, nas semanas recentes, unha liña que Mariano Rajoy rexeitara expresamente cando os xerarcas da UE pretendían que pedise un explícito rescate da economía española. O que entón non querían aceptar na rúa Xénova (e por iso limitaron a solicitude de rescate ao ámbito do sector bancario) agora formaba parte do seu argumentario principal para saír da actual treboada económica. O  adanismo de Pablo Casado, ademais de  impostado, implica un intolerábel nivel de risco nestes incertos tempos que corren.

O presidente do PP, Pablo Casado (2i) aplaude ao  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (1i), en presenza do candidato a lehendakari nas eleccións no País Vasco, Carlos Iturgaiz (1d), durante a reunión do Comité Executivo Nacional. Ricardo Rubio - Europa Press
O presidente do PP, Pablo Casado (2i) aplaude ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (1i), en presenza do candidato a lehendakari nas eleccións no País Vasco, Carlos Iturgaiz (1d), durante a reunión do Comité Executivo Nacional. Ricardo Rubio - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.