ATRIFOGA: "A Xunta fixo pouca prevención para evitar lumes como os de Ourense"

Carlos Gavilán, secretario da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia destaca que a suma das altas temperaturas, a pouca humidade, o secos que están os montes e o vento do nordés propician a vaga de lumes que estamos a vivir en Galicia. Unha situación que se agrava pola crise do coronavirus e a pouca previsión da Xunta para esta campaña.

Por Sara Gil | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Carlos Gavilán, secretario da Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) destaca a "intencionalidade" da maior parte dos lumes e critica que haxa concellos que non queiran firmar os contratos das brigadas.

Incendio que obriga a desaloxar casas en Monterrei. GARDA CIVIL
Incendio que obriga a desaloxar casas en Monterrei. GARDA CIVIL

Como están levando este verán?

Pois a verdade é que bastante mal, están saíndo os lumes como avisáramos. Este ano co tema do coronavirus aínda se fixo menos prevención, como reivindicamos varias veces. Ademais, nos grandes incendios da provincia de Ourense, como o de Monterrei, están ardendo ata casas, está sendo un desastre. Esto tiñámolo xa que telo previsto, pero, de momento prevención non se fai toda a que se debería e co tema do coronavirus xa se fixo menos. Este verán promete. Parece que non veñen choivas e hai bastante xente traballando moitas horas, a ver como funcionan as cousas. 

Falando das condicións laborais, como son os contratos? 

Aínda se están cubrindo parte das plazas que se ían cubrir, outras aínda van cubrirse estes días e tamén faltan moitas máis por cubrir. En ATRIFOGA somos traballadores de 6 meses, e en 6 meses só nos da tempo para a inscrición.

Hai dispositivos e traballadores suficientes para acabar coa gran vaga de lumes?

O dispositivo está bastante mermado. De feito, as brigadas que se fixeron novas de seis meses contan só con 4 compeñentes. Moitas veces faltan encargados nas brigadas de 9 e de 12, co cal quitaselle un conductor e aínda van menos. Pode haber baixas, asuntos propios, vacacións, etc. Moitas circunstancias. 

Tamén hai que decir que este ano moitos concellos se rebelaron contra a Xunta e non queren firmar os convenios das brigadas. Sen ir máis lonxe, o Concello de Ourense ou o Concello do Barco de Valdeorras. Hai menos medios e estase facendo o que se pode. 

Estes lumes non son como os lumes que había hai unhas décadas, estos lumes son moito máis virulentos, collen moita máis forza, con máis combustible e cando enganchan co vento do nordés... está asegurado. Ao final complícase moito o traballo. 

Normalmente os incendios son intencionados, non?

Non todos son intencionados, pero probablemente a maioría o sexan. De feito, vése que algúns son intencionados con claras ganas de facer dano. Algúns lumes empezan en situacións de vento, en sitios con arbolado, con difícil acceso e isto, con catro ou cinco focos como temos visto en Cotobade ou Monterrei, decanta que probablemente sexan intencionados. Esperemos que se investigue a ver se se dá cos autores. 

Hai xente que fala de que hai certa "incidencia política" na causa dos incendios que están a ocorrer, xa que, despois das eleccións, non paran de surxir incendios por todo o país. Cal é a vosa opinión sobre isto?

Eu a verdade penso que non, sinceramente. Creo que, se tiveran "incidencia política" faríano antes das eleccións, penso eu. Creo recordar, de feito, que antes das eleccións cadrou que as temperaturas eran máis baixas e había moita máis humidade. Houbo algúns lumes, aínda que sexan intencionados como, por exemplo, na Peroxa, mais había sorte porque pola noite baixaban moito as temperaturas e o lume non prendía. Agora fai moito calor, polo día e pola noite e non cae nin unha pinga.

Está claro que as altas temperaturas, e os refachos de vento teñen algo que ver tamén

Exactamente. Tamén a baixa porcentaxe en humidade. Agora estamos vendo lumes por estar traballando no monte, de tractores, de queimas que se escapan, hai bastantes máis das que a xente pensa. Hai incluso lumes que poden sair da autovía. Estáse vendo que moitos son de coches que prenden lume na estrada e pasa ata o monte. Eu incluso penso que poden ser ata colillas, porque agora están desbrozando as estradas, queda alí toda a herba seca e con tirar unha cabicha, ao pasar os coches danlle osíxeno e é moi fácil prender un lume. Eu penso que hai bastantes neglixencias e hai moitas circunstancias, pero probablemente a gran maioría dos lumes sexan intencionados. É algo que debería de investigarse máis. 

Está todo o monte moi seco, leva sen chover moito tempo e isto fai que prenda moito máis rapido

Así é. Está todo moi seco e cun pouco de osíxeno que se lle dea, co vento do nordés e algo de calor, xa arde. Ademáis, está todo o monte sen desbrozar, as malaherbas están secas e moi altas na meirande parte dos sitios e ocorre o que ocorre. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta