Así marxina Google ó galego: "se queres poñer un anuncio tes que facelo en castelán ou castrapo"

A empresa téxtil Reizontolo denuncia que o buscador bloquea os anuncios en lingua galega e tampouco permite orientarse ó público galegofalante.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2020 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A principal xanela ó mundo dixital non recoñece o galego como unha lingua. É o que veñen denunciando diversos usuarios de Twitter a raíz dunha publicación da empresa téxtil Reizentolo, que alzou a voz cun artigo denunciando a posición discriminatoria do motor de busca de cara ós anunciantes.

Google
Google | Fonte: medianalisis.org

Segundo apuntan dende a marca de a roupa, a empresa dixital californiana non recoñece ó galego como unha lingua dentro do seu sistema, un feito que implica serias dificultades para poder desenvolver unha campaña publicitaria en galego. "Facer unha campaña para galegofalantes é imposible a nivel de configuración", apuntan dende a marca, en relación á ausencia da nosa lingua como parte das opcións ofrecidas por Google. 

Porén, o motor de busca máis popular do mundo non só non permite orientar cara ó público galegofalante unha campaña, senón que nin sequera ofrece a posibilidade de aloxar anuncios en galego. "Google da por feito que un texto publicitario escrito nunha lingua oficial como a nosa é ortográficamente incorrecto e, polo tanto, bloquea a súa publicación", explican dende Reizentolo, non sen ironía: "En resumo, se queremos publicar un comercial en galego normativo, máis nos vale ter unha imprenta de man porque no que ven sendo soporte dixital, imos dados".

"DEPRIMENTE CASTRAPO"

O único xeito de seguir manter a lingua galega nos comerciais, continúan, é empregar un "deprimente castrapo" no que a presenza do castelán dea pé á aceptación por parte do xigante estadounidense. O problema da falta de recoñecemento por parte de Google esténdese asemade ós usuarios do buscador, que aproveitaron o fío iniciado por Reizentolo para verquer as súas queixas.

Esta "discriminación" do logaritmo, din dende a marca, deriva nun "círculo perigosísimo" no que, ao non poder publicitarse en galego,  o usuario remata asociando "unha soa lingua no ámbito dixital e, polo tanto, ao uso único desta cando se mova na rede". Ante esta situación demandan tanto á multinacional con sede en California como ás autoridades competentes en materia de lingua que tomen as medidas oportunas para reverter unha marxinación que pode derivar nunha situación de diglosia máis pronunciada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Oitaven

Que fai o presidente de galiza para tomar cartas neste asunto? Ou é que el tamén opima como google?