Feijóo recoñece erros na inclusión de todo Portugal no rexistro de turistas

Está "a favor" de excluír o Norte de Portugal das limitacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "a favor" de que a rexión Norte de Portugal se poida excluír do rexistro de viaxeiros que o martes se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que, no primeiro día de funcionamento, contabilizou 29.000 persoas anotadas, das cales máis de 10.500 vascos e 6.500 cataláns.

Na rolda de prensa posterior á reunión do seu goberno en funcións --previsiblemente a última antes da nova lexislatura que se constituirá o vindeiro venres día 7 de agosto--, Feijóo lembrou que o protocolo sanitario afecta os territorios que teñen 3,5 veces máis de incidencia de coronavirus que en Galicia e afecta a unha listaxe de máis de 130 países e cinco comunidades autónomas.

No caso de Portugal, e tras a confusión xerada pola falla de información da Xunta, o embaixador luso trasladou a proposta de excluír a zona Norte de Portugal, atendendo á súa situación epidemiolóxica e tendo en conta que, en territorio español, delimitouse esta medida en función da situación de cada comunidade. "Porque, efectivamente, no Norte de Portugal é menor (a incidencia) que en Lisboa", ratificou Feijóo, quen considerou "razoable" esta demanda exposta polo diplomático. "Probablemente teriamos que ter actuado de xeito máis incisivo cos datos", recoñeceu sobre o país veciño.

Feijóo explicou que, por mor desta petición, a Xunta púxose en contacto co Ministerio de Sanidade luso para solicitar os datos oficiais, algúns dos cales xa foron trasladados polo propio embaixador. A falta de estudar toda a información, e tendo tamén en conta o valor da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Feijóo mostrouse favorable a aplicar esta excepción.

Sobre esta cuestión, indicou que tardaron en obter resposta do Goberno luso, algo que enmarcou en que "todo o mundo tiña moita presión", e remitírono a unha reunión ao 6 de agosto, aínda que se adiantaron as actuacións porque o embaixador facilitou os datos que agora é preciso certificar.

"Estou a favor desa proposta por unha razón fundamental, somos unha comunidade transfronteiriza, eurorrexión e, a mesma situación epidemiolóxica, igual tratamento", sintetizou o mandatario autonómico en funcións, quen se mostrou "optimista" sobre unha resolución nesa liña. 

"EU TEÑO QUE CUMPRIR", DI SOBRE O REXISTRO

Na súa intervención, Feijóo agradeceu ás 29.000 persoas que se inscribiron no rexistro sanitario para manter un contacto durante o período de 14 no caso de que se proceda --viaxeiros ou persoas con residencia en Galicia-- de lugares con alta incidencia de covid.

Así, o mandatario autonómico defendeu a medida adoptada pola Xunta, fronte ás voces que dubidan da legalidade a medida --recollidas este xoves en 'Faro de Vigo'--. É máis, asegurou que el mesmo cando regrese o sábado da Conferencia de Presidentes que se celebra na Rioxa inscribirase neste rexistro.

Militares na fronteira con Portugal. BRIGADA ESTREMADURA XI
Militares na fronteira con Portugal. BRIGADA ESTREMADURA XI

Ademais, defendeu que as decisións adoptadas susténtanse legalmente nas leis sanitarias vixentes e, aínda que mostrou o seu "respecto" polas opinións dos profesionais do ámbito xudicial, defendeu que a decisión "está visada" polo servizo letrado da Administración autonómica, a proposta do comité clínico da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta