Pontón pide a Feijóo "máxima esixencia" con Madrid para que Galicia reciba unha "repartición xusta" dos fondos da UE

O Bloque reclama que se respecte a vontade das urnas e frear as mocións de censura nos concellos ourensáns.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "máxima esixencia" co Executivo do Estado para que Galicia reciba unha "repartición xusta" dos 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación aprobado pola UE para afrontar a crise derivada da COVID-19. Ademais, propúxolle un alcanzar un acordo de país que reforce a posición de Galicia.

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Europa Press

En vésperas da reunión da conferencia de presidentes, Pontón preguntouse cal é a proposta da Xunta e como é posible que, "a menos de 24 horas" do encontro, non haxa "ningunha iniciativa sobre a mesa" por parte de Feijóo en relación a cantos fondos debe recibir Galicia, cales deben de ser os criterios de repartición entre os diferentes territorios e sobre que proxectos estratéxicos se queren financiar con cargo a estes recursos.

"En primeiro lugar, o que lle pedimos a Feijóo é lealdade con Galicia, pedímoslle máxima esixencia ante Madrid sen caer na confrontación estéril, porque se trata de conseguir que Galicia reciba os fondos que lle corresponda e, en segundo lugar, pedímoslle que aposte por sacar adiante un acordo de país coas forzas políticas para defender ante o Estado que Galicia reciba cada euro que lle corresponde", manifestou.

Neste sentido, pediu a Feijóo que, tras a conferencia, convoque os líderes das forzas políticas para explicar cal é a proposta do Goberno galego e escoitar as do BNG. "Porque neste momento o que se necesita é unha posición de fortaleza de Galicia, ter como país unha posición clara e esixente porque non vale ir de brazos cruzados a escoitar que teñen que dicir en Madrid, non é un bo punto de partida para evitar unha nova discriminación como xa sucedeu na última distribución de recursos vinculados tamén á crise da COVID-19", asegurou.

MOCIÓNS DE CENSURA

Por outra banda, a organización nacionalista informou de que a súa dirección política mantivo unha reunión cos alcaldes e representantes municipais de Castrelo de Miño e Viana do Bolo, na provincia de Ourense, para tratar as "inminentes mocións de censura" que se presentarán nos dous municipios.

Membros da executiva nacional da formación nacionalista mostraron o seu apoio e cualificaron como "atentado democrático" estas accións nas que participarán PP e PSOE "desposuíndo das alcaldías aos representantes do BNG electos pola cidadanía para liderar un goberno nacionalista e de esquerdas".

DELEGADO DO GOBERNO

Volvendo á reunión de presidentes, o delegado do Goberno, Javier Losada, apela ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a responder "con lealdade" ao ofrecemento que faga o presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, na Conferencia de Presidentes deste venres na Rioxa.

Neste sentido, Losada considera clave que todas as administracións camiñen de forma paralela na xestión dos fondos do mecanismo de recuperación da UE e lembra que España recibirá sobre 140.000 millóns, dez veces máis que os fondos de cohesión dos últimos anos.

Así mesmo, destaca o protagonismo dado polo Executivo de Pedro Sánchez aos gobernos autonómicos, cos que se reuniu en 14 ocasións durante o estado de alarma.

Ademais, valora o "escudo social" posto en marcha polo Goberno para paliar os efectos da pandemia en Galicia. Pon de exemplo que no último mes máis de 250.000 asalariados e máis de 88.000 autónomos galegos recibiron algún tipo de prestación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta