Feijóo: "No círculo Monterrei, Verín, Oimbra e Cualedro saben moito de lumes"

O presidente da Xunta defende o sistema de loita contra os lumes e evita falar do abandono do rural, pero suxire que existen pirómanos encargados de queimar o monte.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu este xoves a dificultade que existe nalgunhas zonas de Ourense para loitar contra as lapas e, lonxe de recoñecer erros no operativo contra incendios, tal e como apuntaron algúns veciños, aproveitou para atacar duramente aos pirómanos. "No círculo Monterrei, Verín, Oimbra e Cualedro saben moito de lumes", espetou.

O lume de Cualedro chegou a varias edificacións
O lume de Cualedro chegou a varias edificacións | Fonte: Galiciafutura.com

Tras preguntarlle Galicia Confidencial polas críticas ao operativo contra incendios da Xunta dalgúns veciños aos que case lle arden as casas na aldea de San Cristovo, en Monterrei, no voraz lume iniciado en Cualedo o mércores, Feijóo evitou entrar no fondo da cuestión e limitouse a criticar aos que prenden as lapas. 

Así, apuntou directamente a unha zona concreta, á comprendida entre Monterrei, Verín, Oimbra e Cualedro, onde suxeriu que sempre se producen grandes lumes. "Os montes non arden se alguén non lles prende lume", dixo. "E o importante é pillar a eses incendiarios", engadiu.

INCENDIARIOS

Neste sentido, lembrou que hai xa 90 persoas investigadas como presuntos pirómanos, aos que as forzas de seguridade do estado "están facendo un seguimento estreito". Con todo, e segundo confirmou o Delegado do Goberno en Galicia este mércores, só hai un incendiario detido este ano.

Sobre o incendio que comezou en Cualedro na tarde do mércores, Feijóo indicou a súa intencionalidade porque "comezou en dous focos diferentes" e a zona, lembrou, "é de alta intencionalidade" en canto a lumes. Así, lembrou que hai outro lume aínda activo en Monterrei que foi provocado e outro en Viana do Bolo que tivo cinco focos. 

Así as cousas, o xefe do Executivo galego en funcións pediu aos cidadáns que teñan o teléfono de incendios (085) "dentro dos seus compromisos" cívicos e que avisen de cada "movemento sospeitoso".

OPERATIVO E ABANDONO DO RURAL

Por outra banda, evitou criticar o operativo contra incendios, a pesar de que os veciños denuncian que había descoordinación e que chegaron tarde. Así, lembrou que neste incendio traballan varios avións e helicópteros, numerosas motobombas e axentes así como efectivos da UME.

Tamén evitou botarlle a culpa dos incendios ao abandono do rural ou a falta de desbroce das fincas. Neste sentido, lembrou a dificultade este ano de limpalas pola situación de pandemia que facía imposible traballar as leiras, dixo, desde marzo a comezos de xuño.

Con todo, advertiu de que as zonas que arderon "non son perimetrais" neste caso, senón leiras obxecto de concentración parcelaria e, por tanto, "abandonadas". "Débenos de facer reflexionar", agregou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

INQUIETANTE TITULAR NO CIRCULO DE MONTERREI,VERIN,OIMBRA E CUALEDRO SABEN MOITO DE LUMES. Dito así... e con esa fraxeoloxia tan precisa do Presidente. non me quedo tranquilo