Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 18:00
Baixo o nome 'O rural de todas', a área de Igualdade da Deputación da Coruña puxo de marcha un proxecto para contribuír a dar unha maior visibilidade ao traballo das mulleres no rural.
En concreto, trátase dun proxecto audiovisual, un documental, cos testemuños de varias mulleres de distintos perfís. Para participar no proxecto foron seleccionados cinco concellos, con diferentes criterios estatísticos: Toques, Aranga, Teo, Muxía e Ortigueira.
"Se as mulleres foron silenciadas na historia, en determinados ámbitos foron dobremente invisibilizadas. No rural sucede e, desta maneira, descoñécese o traballo que desenvolven e o papel que cumpren en distintos ámbitos, no traballo produtivo e tamén na transmisión da cultura ou nos afectos... Este proxecto ten como obxectivo visibilizarlas e darlle o protagonismo que merecen", sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño.
Seguindo un enfoque participativo e baseado na reflexión e o debate, as novas e as mulleres protagonistas traballan ao redor de dous conceptos principais: igualdade e identidade rural. A través de distintas dinámicas que fomenten a implicación, irase desenvolvendo o guión do documental 'O rural de todas', así como propostas de contidos e de localizacións para as gravacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.